Educación e Cultura

O festival Titiriberia celebrarase en Rianxo do 12 ao 18 de agosto. - Titiriberia Rianxo 2024 - Concello de Rianxo

INFORMACIÓN XERAL

Centro Sociocultural - Auditorio
Rúa dos autores da Rianxeira s/n, Rianxo

981 100 688

cultura@concelloderianxo.gal

Concellería de Educación e Cultura

Horario de inverno:
​​​​​​​luns - venres: 08.00 - 15.00
 

Horario de verán:
luns - venres: 08.00 - 14.00
​​​​​​​

Subvencións a concellos e entidades locais para o mantemento ou creación de postos de traballo de persoal técnico nos servizos municipais de cultura. Mantemento do persoal técnico en animación sociocultural

EDUCACIÓN E CULTURA

Titiriberia Rianxo 2024

O festival Titiriberia celebrarase en Rianxo do 12 ao 18 de agosto.

O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, celebrarase entre o 12 e 18 de agosto cun cartel que inclúe 30 funcións da man de 20 compañías, ademais de obradoiros, mesas redondas e proxeccións.

Un dos pratos fortes deste Titiriberia será a chamada Feira Vella, unha recreación dunha feira tradicional na vila de Rianxo. Situado no Campo de Arriba, neste espazo incluiranse propostas escénicas xunto a unha colección de xogos antigos e atraccións de feira tradicionais. Entretementos tradicionais de puntaría como a ra e o pimpampún ou un teatriño con títeres estarán a disposición do público para uso libre. Esta feira acollerá unha exposición do creador Manuel Silva Bisgue, quen leva anos a fotografar as diferentes edicións de Titiriberia, e será o espazo para a estrea de diferentes coproducións escénicas do festival neste 2024.

É o caso de obras como Peito de Lobo, da compañía Seisdedos; Os casos da Feira vella, de Teatro Airiños, ou Chafallas. A vendedora de fume, de A Cova das Letras. Outras coproducións do festival serán As aventuras de Pituquito, que Trécola Producións estreará na praia de Tanxil; A vella do gaiteiro, de Títeres Alakrán; Cantar do ano de Rianxo, tamén de Seisdedos, e Baleazaleak, obra dos vascos de Ostomila Títeres que trae ao galego esta montaxe do seu repertorio. Precisamente, Ostomila será a encargada de abrir o programa de sala o vindeiro luns 12 de agosto ás 11.30 horas cunha función no Auditorio de Rianxo. 

A estas coproducións cómpre sumarlles dúas producións propias que, un ano máis, Titiriberia lle ofrecerá ao público rianxeiro: As Variétes do Barriga Verde, espectáculo de variedades que evoca as actuacións que facía nas feiras a familia Silvent na súa barraca, e A Festa dos Títeres, pasarrúas que protagonizarán Vai de Roda, Viravolta e Os Quinquilláns. Esta ruada será o acto inaugural e partirá do Auditorio de Rianxo para percorrer Rianxo.   

Este ano Titiriberia terá como gran convidada internacional a República Checa, xa que o festival trae a Rianxo a tradición histórica dos monicreques checos da man de dous grandes especialistas do país centroeuropeo: Marie Jirásková e Pavel Jirásek. A súa participación en Titiriberia, que incluirá un curso de formación, unha exposición, visitas guiadas, presentacións de libros e unha sesión audiovisual, é posible grazas ao apoio e á colaboración do Ministerio de Cultura da República Checa a través do Plan Nacional de Renovación e os Fondos Next Generation da Unión Europea, da Embaixada da República Checa en España, do Centro Checo en Madrid e da Facultade de Teatro da Academia de Artes Escénicas Leoš Janáček (JAMU), de Brno.

A presenza galega complétase con outros nomes da nosa escena. Ademais dos xa citados, pasarán por Rianxo Os Monicreques de Kukas, Babaluva, Xirapaus, Pedras de Papel ou Teatro O Cubo, compañía que coproduce co Centro Dramático Galego o espectáculo De Vilatriste a Vilalegre. O programa complétase con outras actividades, entre as que destacan a mesa redonda que se celebrará baixo o título Os títeres o maior espectáculo do mundo, a mostra dos fondos da compañía Viravolta nos escaparates de dez comercios grazas á implicación de ARE (Asociación Rianxeira de Empresas) e obradoiros para a cativada.