Deportes

- Curso de Monitor de Fútbol Base en Rianxo - Concello de Rianxo

INFORMACIÓN XERAL

Edif. Cuartel Vello, Praza Castelao 9, Rianxo.

981 86 63 81 - 661 247 136

Horario inverno: 8 a 15 h.

Horario verán: 8 a 14 h.

deportes@concelloderianxo.gal

Subvencións a concellos e entidades locais para o mantemento ou creación de persoal técnico nos servizos municipais de deportes en 2024

Actualidade

Curso de Monitor de Fútbol Base en Rianxo

Rianxo vai acoller un Curso de Monitor de Fútbol Base, organizado pola Escola Galega de Adestradores e a Federación Galega de Fútbol, en colaboración do C.D. Unión e o Concello de Rianxo.

Na presentación deste curso participaron Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, Javier García, vicepresidente da RFGF, Yago Iglesias, delegado para o Barbanza do Comité Galego de Adestradores, Lois Ces, coordinador  do CD Unión, e Javier Reyes, delegado da RFGF en Santiago.

O curso é intensivo e celebrarase no Campo de Fútbol Municipal de Vilas (Asados) durante 3 semanas a partir do 3 de xuño, en horario de 19:30 a 22:30 de luns a venres e os sábados de 9 a 14 h.

Inclúe formación básica en técnica, táctica, metodoloxía, regulamento, psicoloxía... e vai dirixido a persoas con interese en adestrar en categorías de base.

Na súa intervención, Adolfo Muíños agradeceu ao CD Unión a súa mediación ante a RFGF para que este curso puidera celebrarse en Rianxo, ao tempo que lembrou que o Concello leva tempo apostando por unha formación deportiva de calidade nos clubs rianxeiros a través do Programa Deporte Base. Falou da tarefa común  de clubs e axentes deportivos de mellorar a cualificación dos adestradores para que poidan formar, non só no aspecto estritamente deportivo, se non tamén no relativo á educación en valores e na procura dunha competitividade san.

Javier García destacou que a Federación está apostando por traer á comarca do Barbanza actividades formativas, con numerosos cursos nos últimos anos. Sinalou a importancia na formación dos adestradores nas categorías de base, xa que para moitos nenos e nenas son o primeiro contacto con este deporte.

Iago Iglesias mostrou a súa satisfacción por presentar un curso na súa comarca e debullou os aspectos mais organizativos do curso, indicando que o prazo xa está aberto na páxina web da Real Federación Galega de Fútbol. O importe da matrícula é de 150 € e o número mínimo de participantes é de 15.

Pechou o acto Lois Ces, que agradeceu as facilidades dadas pola RFGF e o Concello de Rianxo. Destacou que a formación era un dos obxectivos da directiva desde que colleron o equipo fai dúas tempadas, sinal compromiso coa formación deportiva e futbolística dos rapaces/as da escola de fútbol.