Deportes

- Presentación das Xornadas de Actividade Física e Deporte - Concello de Rianxo

INFORMACIÓN XERAL

Edif. Cuartel Vello, Praza Castelao 9, Rianxo.

981 86 63 81 - 661 247 136

Horario inverno: 8 a 15 h.

Horario verán: 8 a 14 h.

deportes@concelloderianxo.gal

Subvencións a concellos e entidades locais para o mantemento ou creación de persoal técnico nos servizos municipais de deportes en 2024

Actualidade

Presentación das Xornadas de Actividade Física e Deporte

Presentáronse na Casa do Concello as I Xornadas de Actividade Física e Deporte, organizadas polo Seminario Galego de Deporte Base coa colaboración do Servizo Municipal de Deportes e da Piscina Municipal de Rianxo.
As xornadas desenvolveranse na Piscina Municipal de Rianxo nos meses de abril, maio e xuño, e abordaranse temas de nutrición, primeiros auxilios e adestramento da forza e da resistencia, da man de profesionais do ámbito do deporte e da actividade física.
As inscricións aínda están abertas e pódense formalizar na piscina municipal e na páxina formacionbase.com

José Manuel Rodríguez Vicente, membro do Seminario Galego de Deporte Base, explicou que a motivación do Seminario ao organizar estas xornadas  é a de incidir na formación daquelas persoas vinculadas ao deporte base (adestradoras, pais e nais, directivas...), dotándoas de ferramentas que lles axuden na consecución dos seus obxectivos, non só de rendemento deportivo senón tamén de formación, educativos, hábitos saudables...
Vanse desenvolver catro xornadas: Nutrición (7 de abril), Primeiros Auxilios (5 de maio), Forza (19 de maio) e Resistencia (9 de xuño), todas elas impartidas por profesionais de cada ámbito.
 

María José Morlán Vites,vicepresidenta e adestradora do Club Baloncesto Rianxo incidiu na importancia que estas xornadas teñen para os clubs rianxeiros, xa que, ao tratarse de profesorado procedente da universidade, aportará un enfoque complementario á formación que tradicionalmente chega aos clubs a través das federacións. Así, as persoas que traballan nos clubs poderán integrar os dous puntos de vista e ampliar os seus coñecementos para aplicalos cos seus deportistas.
 

Óscar Rial, director da Piscina Municipal de Rianxo, analizou as xornadas e destacou a aposta polos obxectivos e contidos adaptados ao deporte base, na procura dunha formación integral e metodoloxías axeitadas á idade de cada deportista, sen cometer o erro de utilizar o mesmo tipo de traballo que cos adultos  ou centrarse de xeito exclusivo no resultado. Tamén destacou a importancia dos primeiros auxilios, nos que calquera pode ser primeiro intervinte nunha lesión ou accidente.

A continuación, Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo,  gabou a iniciativa e capacidade da organización do Seminario Galego de Deporte Base e resaltou o papel que os clubs xogan, non só na ocupación do tempo de lecer, senón tamén na formación integral do individuo. Destacou tamén o papel da Piscina Municipal e a súa responsabilidade social á hora de colaborar e participar en actividades de carácter social e deportivo.
En relación ás xornadas, sinalou a crecente importancia do deporte popular que, segundo el, debería levar aparellada un mínimo de formación para unha práctica segura e sen riscos para a seguridade persoal. Neste senso, lembrou a aposta do Concello de Rianxo na compra de desfibriladores para as instalacións deportivas municipais.
Rematou afirmando que iniciativas coma esta dan valor ao noso deporte e, por extensión, a Rianxo.