Deportes

- Presentación do IX Torneo Internacional de Xadrez Concello de Rianxo - Concello de Rianxo

INFORMACIÓN XERAL

Edif. Cuartel Vello, Praza Castelao 9, Rianxo.

981 86 63 81 - 661 247 136

Horario inverno: 8 a 15 h.

Horario verán: 8 a 14 h.

deportes@concelloderianxo.gal

Subvencións a concellos e entidades locais para o mantemento ou creación de persoal técnico nos servizos municipais de deportes en 2024

Actualidade

Presentación do IX Torneo Internacional de Xadrez Concello de Rianxo

A Casa do Concello de Rianxo acolleu a presentación do IX Torneo Internacional de Xadrez Concello de Rianxo, que se celebrará o sábado 26 de agosto no Pavillón de Rianxo. Adolfo Muíños, Alcalde de Rianxo, e Xusto Ordóñez, Concelleiro de Deporte e Patrimonio Histórico, representaron ao Concello mentres que polo Club Xadrez Rianxo, organizador do torneo, participaron o seu presidente, Daniel Martínez, e o vicepresidente, Néstor Martínez.

Abriu as intervencións Adolfo Muíños falando do torneo coma unha cita consolidada no programa deportivo de Rianxo que cada ano incrementa a súa participación e o nivel xadrecístico das persoas participantes. Resaltou tamén que o nome de Rianxo está xa ligado ao xadrez grazas a citas coma esta, referencia a nivel comarcal e galego. Rematou agradecendo o traballo do club ante unha proba que esixe un alto esforzo organizativo e invitando a todos os rianxeiros e rianxeiras a que vivan o ambiente especial que o xadrez transmitirá o sábado, 26 de agosto, no pavillón rianxeiro.

Xusto Ordóñez, concelleiro de Deportes, destacou o labor exemplar que fai o Club de Xadrez no día a día en prol do desenvolvemento do xadrez e do deporte rianxeiro, como o demostra a boa saúde da escola de xadrez e do nivel deportivo do equipo que compite na División de Honra. No que respecta ao torneo, afirmou que é unha mostra da capacidade organizativa do club e da súa aposta por actividades de promoción e competición, pois foron quen de convertelo nunha das probas de referencia do calendario galego. Para rematar, agradeceu o esforzo do Club Xadrez Rianxo e ofreceu a colaboración do Concello e do seu Servizo de Deportes para o desenvolvemento dos proxectos do club.

Néstor Martínez debullou os aspectos mais técnicos do torneo, despois de agradecer a colaboración do Concello e dos distintos patrocinadores, e de definilo coma un dos torneos máis importantes de Galicia en partidas rápidas, tanto pola elevada participación coma polo nivel deportivo.

O torneo, dixo, estrutúrase en tres competicións diferenciadas: unha de promoción, para categorías ata 14 anos, que pertence ao Circuíto Galego de Promoción; outra para afeccionados que gustan do xadrez pero non están federados; e unha unha última, a absoluta, que é a que ten carácter internacional e un grande nivel deportivo, pois participarán 5 grandes mestres internacionais e 10 mestres internacionais.  Participarán xogadores de Bulgaria, Portugal, Francia, Uzbequistán, Rusia... e por suposto galegos e doutras comunidades autónomas.

 

Regulamento do Torneo