Emprego

- O Concello de Rianxo informa das convocatorias de axudas ao emprendemento e fomento do emprego - Concello de Rianxo

SERVIZO DE EMPREGO

INFORMACIÓN XERAL

Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local
Praza Castelao 1, Rianxo

981 86 00 75

981 84 36 29

emprego@concelloderianxo.gal

luns a venres 09.00 - 14.00

Emprego

O Concello de Rianxo informa das convocatorias de axudas ao emprendemento e fomento do emprego

O Concello de Rianxo informa das diferentes convocatorias abertas para o fomento do emprego, que teñen por obxectivo contribuír non só ao emprendemento, senón tamén ao mantemento e ampliación dos postos de traballo e mesmo o investimento en bens necesarios para o desenvolvemento da actividade.

Nesa liña, na xornada de onte abriu o prazo de solicitude das Axudas PEL da Deputación da Coruña, que contan con catro liñas de actuación: investimentos; autónomas/os; creación e ampliación do cadro de persoal; e mantemento do cadro de persoal. Todas elas poderanse solicitar até as 14h do 22 de febreiro a través de https://emprego.dacoruna.gal/axudas

As Axudas PEL Investimento teñen por obxectivo contribuír á consolidación e ao fortalecemento do tecido empresarial nos concellos da provincia da Coruña con poboación inferior a 10.000 habitantes, a través do apoio ao investimento de bens inventariábeis de pequenas, medianas empresas, microempresas e persoas autónomas. Segundo está recollido nas bases, estes bens poden ser aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario ou equipos para os procesos de información.

Por outra banda, as liñas PEL Autónomas/os están dirixidas a sufragar parte das cotas da seguridade social da anualidade 2024 en concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes, sempre e cando estas superen os 200 € mensuais.

Por último, as outras dúas convocatorias oriéntanse á contratación de persoal, unha delas destinada ás empresas, microempresas e persoas autónomas que precisan crear ou ampliar o cadro de persoal, e outra para o mantemento de postos de traballos indefinidos creados ao amparo da axuda PEL-Pemes Creación e Ampliación na anualidade 2023.

Tamén está aberta a convocatoria, até o 30 de setembro, unha liña de axudas para a promoción do emprego autónomo posta en marcha pola Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade, con axudas de entre 2.000 e 7.000 €, segundo diferentes casuísticas. Pode solicitarse na Sede Electrónica da Xunta mediante o procedemento TR341D

O Alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, valorou positivamente estas axudas “que contribúen non só a que a xente poida emprender os seus negocios, senón tamén a fomentar a contratación e posterior mantemento do posto de traballo de outras persoas”, e lembrou a disposición do Concello de Rianxo para “resolver as dúbidas que poida ter a veciñanza interesada en solicitar estas axudas”.

Máis aló das axudas ligadas ao emprego, desde o Concello de Rianxo tamén informan de outras liñas de subvención que permanecen abertas, e que poden ser de interese para a poboación local:

O INEGA ten abertas dúas liñas de axudas para a renovación de electrodomésticos (IN414B e IN414C), mentres que a Axencia de Turismo de Galicia subvenciona actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración (TU503A). Finalmente, o Instituto de Estudos do Territorio, ofrece axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos (MT402A).