Historia

Historia - Concello de Rianxo

Historia

Historia da policía

Os primeiros antecedentes da existencia do Corpo da Policía Local aparecen nunha ordenanza de "Buen gobierno y Policía Urbana", aprobada o 29 de setembro de 1859, na que establecía a obriga do Alguacil do Concello de facer cumprir o establecido na ordenanza e dar parte inmediato de calquera infracción que observase.

Ao non existir, polo momento, un traballo de investigación dos arquivos municipais, non se ten constancia exacta do persoal que formou a Policía Local desde as súas orixes, pero, das indagacións realizadas pola Policía Local cos antigos funcionarios e familiares de antigos policías, púidose saber que sobre o ano 1890 existía un alguacil, que, entre as súas funcións, e como dato curioso, acendía e apagaba as luces de carburo. Nesa época era Alcalde D. Manual Pérez.

Arredor do ano 1900 houbo dous alguacís, José Fernández Fernández, coñecido como "o vello Formento" e que era avó de Pepe, do "Bar Pepe", e José Ramón Noya Collazo, o avó de Ricardo "o zapateiro".

Entre o ano 1920 e os anos 50 formaron parte do corpo os seguintes axentes:

  • Luis Noya Collazo, fillo de Manolo "de vergha", desde o ano 1920 ata 1948, que marchou para a Arxentina.
  • José Quintáns Castaño, "o Barallán", que permaneceu no Corpo desde o ano 1939 ata xubilarse no 1958.
  • Manuel Redondo Ces, de Corques, Taragoña, que permaneceu no Corpo desde 1940 ata 1955, ano en que marchou voluntario e traballou de canteiro.
  • O Quinto da Carballeira, que permaneceu no Corpo desde o ano 1950 ata que foi expulsado, no ano 1955, sendo Alcalde D. Ramón Fernández Fernández.
  • Jesús Otero Carou, coñecido coma "Castro" (que era xastre), quel vivía na casa de Celia "a cegha", desde 1948 ata 1954 que abandonou a Policía voluntario e marchou para a Arxentina, onde morreu en 2004.
  • José Domingo Collazo Calvo de Somoza, Asados, músico de profesión, desde 1952 ata 1954 que marchou voluntario.

A partir do 1950, existen antecedentes escritos do Corpo Policial, que estivo formado sempre, como mínimo, por catro axentes. A partir desa época formaron parte do Corpo:

  • Juan Ces Suárez, do Pazo, Rianxo, desde 1950 ata xubilarse en 1981.
  • José María Ces Rodríguez, do Pazo, Rianxo, desde 1954 ata xubilarse en 1984.
  • José Vicente Piñeiro, de Rianxiño, Rianxo, desde 1956 ata xubilarse en 1988.
  • Felipe del Rey Rodríguez, de Rinlo, Rianxo, desde 1956 ata xubilarse en 1991.
  • Manuel Castro Gil, de Rianxiño, Rianxo, desde o ano 1971 ata o ano 2004.

No ano 1982 entraron Joaquín Iglesias Sánchez que se xubilou no ano 2016, e Antonio Tubío Piñeiro que permanece no corpo na actualidade.

En 1989, e por primeira vez no corpo da Policía Local de Rianxo, créanse tres prazas de auxiliar da Policía Local para a tempada de verán, ás cales acceden Luis Añón Vilariño, José Luis Villanustre Ordóñez e Manuel Eugenio González Rodríguez, sendo este último o único que permanece no corpo, na actualidade como Policía.

O Corpo da Policía Local na actualidade esta formado por 11 membros, que se reforza con 5 auxiliares na tempada de verán.

Tamén están creadas e pendentes de convocar 2 prazas de oficial e 1 praza de policía.