Persoas Maiores - Concello de Rianxo
Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou persoas en situación de dependencia (SGAMP-065)
O Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para ás persoas con discapacidade e/ou persoas en situación de dependencia ten a consideración de servizo de transporte adaptado programado e non urxente para a prestación de servizos puntuais.
Este servizo de transporte adaptado e asistido, de carácter gratuíto, ten como finalidade:
a) Poñer a disposición das persoas con discapacidade e/ou dependentes que teñan dificultades de mobilidade os medios adecuados as súas necesidades, que lles faciliten dita mobilidade.
b) Favorecer o acceso, en condicións de igualdade efectiva, ás persoas con discapacidade e/ou ás persoas en situación de dependencia aos servizos e recursos que faciliten a promoción da súa autonomía persoal así como a súa participación no contorno habitual.
Persoas usuarias do SGAMP-065
Ter recoñecida a condición de persoa usuaria é requisito previo para poder solicitar e prestar a concesión efectiva dos servizos solicitados.
Poderán obter a condición de persoa usuaria do servizo as persoas residentes en Galicia que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter recoñecida a imposibilidade de utilización de transporte público colectivo, motivada pola súa situación de dependencia ou discapacidade. A imposibilidade de utilización do transporte público colectivo determinarase aplicando os criterios establecidos no Anexo 2 do Real Decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade.
b) Ter recoñecida a situación de dependencia en calquera dos seus graos conforme a normativa que sexa de aplicación ou ter recoñecido, conforme a normativa aplicable, un grao de discapacidade igual o superior ao 75%.Excepcionalmente poderán obter a condición de persoa usuaria aquelas persoas que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e inferior ao 75%, sempre que se acredite a concorrencia de circunstancias que aconsellen o uso de transporte adaptado e así conste no informe social unificado.
Para os efectos de solicitar a condición de persoa usuaria do SGAMP-065, tense que presentar unha solicitude segundo o modelo recollido no anexo do Decreto 99/2014, do 24 de xullo, polo que se regula o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou en situación dependencia, e dirixiranse á xefatura territorial da consellería con competencia en materia de atención ás persoas con discapacidade e ás persoas en situación de dependencia, correspondente á provincia na cal a persoa solicitante teña a súa residencia.