O Pleno da Corporación do Concello de Rianxo, na sesión ordinaria do xoves 28 de setembro de 2023, aprobou por unanimidade o seguinte APOIO ÁS REIVINDICACIÓNS LABORAIS DOS BOMBEIROS DOS PARQUES DE BOIRO E RIBEIRA:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Coruña, Lugo e Pontevedra e finalmente Ourense procederon desde o ano 2019 até hoxe a rescatar para a xestión pública e directa os parques comarcais de extinción de incendios e salvamento que até ese momento realizaban empresas privadas.
Malia que a xestión do servizo de extinción e salvamento nos referidos parques comarcais pasou a realizarse directamente dende os propios Consorcios Provinciais, aínda non se produciu a total integración do persoal que prestaba servizo nos mesmos.
Así, o persoal indefinido das empresas privadas que xestionaban os parques de bombeiros comarcais e cuxos contratos subrogaron os respectivos Consorcios Provinciais a día de hoxe non ten recoñecida a condición de persoal laboral fixo dos Consorcios.
A este respecto, o Tribunal Supremo xa na súa sentenza de 28 de xaneiro de 2022, en resolución dun recurso de casación para a unificación de doutrina RCUD, recoñeceu a condición de persoal laboral fixo das traballadoras que pasaban dunha empresa privada á Administración Pública en virtude de subrogación tanto laboral como da actividade que desempeñaban. O Tribunal Supremo excluía ao persoal que adquirira a condición de indefinido en virtude de contratacións realizadas en fraude de lei, ou que a súa actividade profesional non fose obxecto de transmisión ao sector público.
Malia isto, o persoal destinado nos diferentes Parques Comarcais dos distintos Consorcios Provinciais, nos que participa a Xunta de Galiza e a Deputación Provincial respectiva, non dispón dos mesmos dereitos laborais, manténdose as diferenzas derivadas das condicións de traballo que tiñan na empresa privada de orixe.ç
É por iso que a Asemblea Xeral Extraordinaria de Bombeiros de Parques Comarcais acordou a convocatoria dunha folga en todos os Consorcios Provinciais e nos 24 parques comarcais, así como a suspensión dos apoios e servizos voluntarios, reducindo as prestacións laborais ás estritamente obrigatorias por contrato laboral. Tal situación de conflitividade laboral ven derivada da persistente negativa da Xunta de Galiza á aplicación e seguimento da doutrina do Tribunal Supremo no que atinxe ao recoñecemento da condición de persoal laboral fixo ao servizo do Consorcio Provincial correspondente, e da aprobación dun convenio colectivo que equipare as condición laborais e profesionais de todo o persoal dos Parques Comarcais contra Incendios de Galiza.
1. A integración como persoal laboral fixo dos Consorcios Provinciais contra Incendios e Salvamento de todo o persoal no que concorran as condicións establecidas na sentenza de 28 de xaneiro de 2022 e coas condicións e requirimentos establecidos na referida resolución xudicial.
2. A elaboración e aprobación, previa negociación conxunta coas Deputacións Provinciais e coa representación das traballadoras, dun Convenio Colectivo para todos os Consorcios Provinciais de Galiza.
3. Dotar dos equipos técnicos e humanos que se demandan por parte do persoal dos parques pois entendemos melloran as prestacións á veciñanza dos dous parques que dan servizo á nosa comarca.