Declaracións e manifestos

- Manifesto do 8 de marzo, Día Internacional da Muller - Concello de Rianxo

Declaracións e manifestos

Manifesto do 8 de marzo, Día Internacional da Muller

O 8 de marzo de 2013, os grupos municipais do BNG e PSOE deron lectura ao seguinte manifesto no Salón de Plenos do Concello de Rianxo:

O 8 de marzo do ano pasado denunciamos a recén aprobada Reforma Laboral  e usabamos o tempo futuro no noso Manifesto para anunciar o recorte en dereitos que supoñería para as mulleres. Este ano 2013 constatamos enormes retrocesos.
Intentase instalar a idea de que a crise económica é responsable de todo, que non son os gobernos o causante dos recortes pero, non nos deixemos enganar: non é crise todo o que reloce.

A igualdade foi avanzando en España durante os anos de Democracia. Este avance traduciuse nunha vida mellor para as mulleres deste país, así como en máis dereitos para elas e para o conxunto da sociedade.

Isto foi posible sobre todo grazas á propia sociedade que se modernizou -grazas ás organizacións, ás feministas, á esquerda política e, sobre todo, ás mulleres-. Desta forma, as mulleres fomos ocupando espazos no emprego, na política, e na sociedade, mentres nos achegabamos, en todos os indicadores de participación e calidade de vida, aos homes, rompendo con iso progresivamente a desigualdade. Non obstante, a igualdade non era de todo efectiva, aínda existían e aínda existen desequilibrios. Necesitabamos tempo para seguir avanzando, pero sobre todo para consolidar o conseguido. Un tempo fundamental porque este último ano asistimos a uns dos maiores despropósitos da historia da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

O emprego, a premisa que permite a autonomía das persoas, é a nosa principal preocupación. No inicio da crise creceu o desemprego masculino - como efecto da destrución de emprego nalgúns sectores de actividade - non obstante, no momento actual, o desemprego feminino crece espectacularmente como efecto directo das políticas que se están a aplicar.
Esta destrución de emprego é o resultado directo da Reforma Laboral, unha regulación que ademais fai imposible o dereito á conciliación da vida familiar e laboral. E tamén é o resultado do desmantelamento progresivo do Estado do Benestar e os servizos de atención ás persoas, así como o debilitamento de estruturas de apoio ás mulleres.

A Reforma Laboral expulsa aos sectores máis vulnerables do emprego, e aí están as mulleres. Ademais deixa sen dereitos ás mulleres traballadoras, a todas en xeral e especificamente ás que teñen traballo a tempo parcial, traballo temporal, ou a aquelas que teñen responsabilidades familiares.

O desmantelamento do Estado do Benestar e a actal  política de austeridade eliminan servizos públicos esenciais, onde traballan moitas mulleres, tanto na Administración Pública coma nas empresas prestadoras. Así, é a redución dos dereitos relacionados coa educación, coa saúde, coa atención á dependencia, cos programas e actuacións dirixidos a mellorar a calidade de vida, o que fai que as mulleres queden en desemprego e ademais que teñan máis dificultades para a conciliación.

Esta lista de recortes en dereitos das mulleres amplíase co anuncio do Goberno do Estado de cambiar a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, cun obxectivo, eliminar o dereito a decidir das mulleres.

E aínda máis, a lei de taxas xudiciais provoca unha desigualdade no acceso á xustiza, que deixará a moitas mulleres sen a posibilidade de acudir a ela mesmo naquelas ocasións que pretendan escapar dunha situación de violencia de xénero. A todo isto debemos sumar a redución de presupostos e servizos dirixidos a combater a violencia contra as mulleres.

Estas accións, e estes recortes, están cargados de ideoloxía. De mensaxes que relacionan a autenticidade de ser muller coa maternidade, a defensa da educación segregada de nenos e nenas, a eliminación da educación para a cidadanía. Mensaxes que pretenden situar ás mulleres de novo nas tarefas de coidado, a crianza e a dependencia.

Todo o acontecido  nos leva a un mesmo lugar, bastante familiar, os nosos propios fogares. Porque, en definitiva, o que se está a promover coas actuais politicas e a volta ao fogar das mulleres.

Non obstante seguimos traballando pola igualdade e a emancipación das mulleres. Porque cremos que a igualdade entre mulleres e homes é un piar da nosa democracia, e porque temos o firme compromiso cun modelo social que garante a xustiza e a equidade.

Sen dúbida, o cambio que necesitamos para saír desta crise, que é económica, pero tamén política e social, pasa por contar con todos e con todas, homes e mulleres, sen desperdiciar capacidades, facendo que a igualdade sexa o centro do cambio.

Ante esta situación este 8 de marzo reclamamos:

  • A derrogación da Reforma Laboral.
  • O desenvolvemento dun Plan de Emprego para as mulleres de Galicia, que inclúa políticas activas específicas, a promoción do autoemprego e o desenvolvemento dun Plan de Igualdade das mulleres no emprego, dirixido a promover a igualdade e a eliminar a desigualdade salarial.
  • O mantemento dos dereitos recollidos na Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia.
  • A promoción de políticas que permitan a corresponsabilidade na vida laboral e familiar de homes e mulleres, e o cumprimento da Lei, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.
  • O mantemento da Lei actual de Saúde Sexual e Reprodutiva e Interrupción Voluntaria do Embarazo, así como de todos os centros de planificación familiar da nosa Comunidade.
  • O impulso de políticas e servizos de prevención da violencia de xénero e apoio ás mulleres que a sofren.
  • Á derrogación da Lei de taxas xudiciais.

Asinan, os grupos do goberno municipal, BNG e PSdeG,
en Rianxo  a 8 de marzo de 2013