Desde 1999, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas marcou o 25N como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres tal e como propuxo o Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe, en homenaxe ás Irmás Mirábal que no 1960 foron obxecto das torturas máis crueis acontecidas na República Dominicana.
“A violencia contra as mulleres constitúe unha vulneración dos dereitos humanos do xénero feminino. É un reflexo da desigualdade real entre homes e mulleres, motivada polo modelo social no que nos educan, o machismo. Ante esta realidade, é precisa unha repulsa social explícita”.
Desde o noso Concello, como en anos anteriores, elaboramos un manifesto, lembramos ás persoas implicadas (directas e indirectas), damos datos e constatamos que aínda queda moito por facer.
Aínda a día de hoxe moitas mulleres seguen a encontrarse en diversas situacións de violencia (psicolóxica, física, sexual, económica, a prostitución, o tráfico de persoas, o abandono físico e emocional...) polo único motivo da desigualdade entre homes e mulleres. E tamén seguimos a descoñecendo a incidencia real dos casos das mulleres con discapacidade, precisos de visibilizar dada a súa vulnerabilidade.
O retroceso de España de 14 postos no índice do Foro Económico Mundial está a supoñer que cada día as mulleres españolas atópanse con máis barreiras para ter un emprego, para conciliar a súa vida persoal, laboral e/ou familiar, para acceder á educación, á sanidade, ou á atención social, para exercer os seus dereitos sexuais e reprodutivos, para incorporarse ós espazos de participación e toma de decisións.
Estes pasos atrás non están garantindo o dereito das mulleres a vivir sen Violencia, senón que os están perpetuando.
Fai apenas uns días tivemos novas da violencia machista na comarca do Barbanza, tamén aquí, en Rianxo, somos protagonistas deste feito. Así pois, non podemos quedarnos en ler simples manifesto ou poñer en marcha certas actividades polo mes de novembro.
É tempo de actuar con decisión é firmeza. O silencio é cómplice da violencia machista. Visibilicemos cada caso, poñamos cara e busquemos solucións a cada feito. Non sexamos cómplices das persoas agresoras.
A prevención e a sensibilización son fudamentais para conseguir a complicidade da sociedade, como son imprescindibles para que as mulleres se vexan capaces de dirixir as súas vidas e tomen as decisións dunha forma propia e autónoma.
A prevención é o inicio do camiño para a igualdade real entre mulleres e homes, e, a partir de aquí, as Administracións Públicas e Locais debemos, poñer ó dispor das mulleres todos os recursos e apoios necesarios para garantir os seus dereitos. A diminución na dotación orzamentaria para “Programas de atención social para mulleres e menores en situación de violencia” non poden ser o camiño a seguir, tal e como trasladou Observatorio de Violencia de Xénero do Consello do Poder Xudicial “os recortes son responsables de que moitas mulleres retiren a denuncia, posto que quedan nunha situación de desprotección tras presentala, podendo afirmar que os recortes en políticas de igualdade están a poñer en situación de risco ás mulleres e, con elas, as súas fillas e os seus fillos”.
Instamos ó ‘Goberno Autonómico’ a que garanta a permanencia dos recursos precisos para atender ás necesidades observadas e manifestadas polas mulleres en situación de violencia para acotar a desigualdade real entre mulleres e homes. Cremos tamén imprescindible que se deseñe e poña en marcha desde a Administración un Plan específico de actuacións para aos e as menores fronte á violencia na que se encontren xunto ás súas nais.
Co cal, desde este recuncho rianxeiro, berramos que a violencia contra as mulleres non pode caer no esquecemento, senón que ten que desaparecer da realidade de cada unha das mulleres que día a día se ven nesa situación.
Toda a veciñanza somos partícipes e podemos ser responsables do cambio social cara igualdade real entre mulleres e homes.
En Rianxo a 25 de novembro de 2012