Medio Ambiente

Gripe aviar - Situación de risco en relación á influenza aviaria en aves. - Concello de Rianxo

Medio Ambiente

Situación de risco en relación á influenza aviaria en aves.

Gripe aviar

Circular da Xunta de Galicia.

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Ao longo do pasado ano 2022 a situación epidemiolóxica en España en relación á Influenza Aviaria de Alta Patoxenicidade (IAAP) agravouse con respecto a anos anteriores, ao terse detectados numerosos focos tanto en aves silvestres como en domésticas.

Ata o 20/12/2022 notificáronse un total de 178 casos, dos cales 138 corresponderon a aves silvestres, 3 a aves criadas en catividade sen finalidade produtiva e 37 a aves de curral, sendo o último caso notificado unha granxa de ocas localizada na provincia de Valladolid. Esta detección de casos tamén afectou á nosa comunidade autónoma, onde notificamos desde o pasado mes de agosto e ata a data de hoxe (16/01/2023), un total de 29 casos, todos eles en aves silvestres (mascatos e gaivotas), localizados na súa maioría en concellos costeiros.

Debido a esta situación, durante o ano 2022, en Galicia adoptáronse diversas medidas, previstas na Orden APA/2442/2006, de 27 de xullo, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria, aplicadas tanto nos concellos incluídos nas denominadas Zonas de Especial Risco (ZER) e Zonas de Especial Vixilancia (ZEV), establecidas na mencionada Orden. Ante a evolución da situación epidemiolóxica desta enfermidade, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) procedeu á actualización do nivel do risco existente en España, determinando un aumento do risco de aparición desta enfermidade. Este aumento do risco tamén afecta a Galicia, debido a que, se ben os primeiros focos detectados en aves silvestres correspondían na súa totalidade a mascatos (aves migratorias e exclusivamente de hábitat mariño), nas últimas semanas detectáronse en Galicia gaivotas positivas a IAAP, sendo estas aves, como é coñecido de hábitos tanto marítimos como terrestres, e de presenza ubicua e permanente en gran parte do noso territorio. Esta situación fai máis probable o contaxio de aves domésticas co virus da influenza aviaria.Tendo en conta a situación descrita, considérase necesario continuar aplicando tanto nos concellos situados en ZER, como nos situados en ZEV, como é o caso do concello de Rianxo, medidas orientadas fundamentalmente a evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres de calquera especie.

Os concellos incluídos na zona ZEV son: Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas na provincia de A Coruña, Ribadeo e Trabada na provincia de Lugo, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia na provincia de Ourense e A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa na provincia de Pontevedra.

En concreto, as medidas obrigatorias nestes concellos son as seguintes:

Prohíbese a cría de aves ao aire libre: todos os propietarios de aves deben recluíras súas aves en instalacións pechadas ao cuberto. Se isto non fora posible por non dispoñer destas instalacións, poderíanse manter as aves no exterior sempre que existan teas paxareiras ou calquera outro dispositivo que impida o acceso das aves silvestres, e sempre que se alimente e subministre auga ás aves domésticas no interior das instalacións que impidan o contacto das aves silvestres coa auga ou alimento destinados ás aves domésticas.

•Queda prohibido o uso de reclamos de caza con aves do tipo anátidas (parrulos ou similares) e charadriiformes (gaivotas e similares).

•Queda prohibida a cría de parrulos, ocas e gansos xunto con outras especies de aves de curral.

•Prohíbese dar ás aves de curral auga procedente de depósitos superficiais,fontes ou outras orixes nas que puideran ter acceso as aves silvestres, salvo que a auga fora sometida a un tratamento de hixienización que garanta a inactivación de posibles virus da influenza aviaria.

•Os depósitos de auga de subministro para as aves domésticas, que puidera haber no exterior, deberán ser protexidos para impedir que poidan acceder as aves silvestres ou as súas dexeccións.

•Quedan prohibidas as concentracións de aves de calquera tipo, comerciais ou non (exhibicións, concursos...), tanto de aves de curral como doutras aves distintas a estas (p. ex. aves ornamentais ou similares).

•É obrigatoria a inscrición dos currais familiares de autoconsumo no Rexistro Galego de Explotacións Avícolas da Consellería do Medio Rural.

 

Como información complementaria recordamos as seguintes recomendacións:

•As persoas relacionadas con granxas avícolas comerciais que posúan tamén unha explotación avícola de tipo curral familiar, deben evitar ter contacto con aves dunha e outra explotación sen previamente tomar as axeitadas medidas de bioseguridade (lavado de roupa, lavado de mans...), especialmente se as aves do galiñeiro familiar teñen posibilidade de contactar con aves silvestres.

•As persoas titulares ou traballadoras en explotacións ou titulares de currais familiares de calquera tipo, no caso de realizar actividade cinexética de caza menor de aves, deben manter as adecuadas prácticas de bioseguridade unha vez finalizada a actividade cinexética, procurando no entrar en contacto coas aves domésticas da súa propiedade.

 

En relación á obriga para as persoas titulares de currais familiares de autoconsumo de inscribir o seu curral no Rexistro de Explotacións Avícolas da Consellería do Medio Rural, compre lembrar que a única finalidade deste rexistro é ter constancia da existencia do curral, como información de interese nunha situación de emerxencia sanitaria por influenza aviaria no territorio galego.

 

O rexistro pode realizarse por diversas vías:

•Na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada), cubrindo o formulario MR 501A – Inscrición no rexistro de explotacións avícolas non comerciais.

•Nas Oficinas Agrarias Comarcais (OAC) da Consellería do Medio Rural. https://www.xunta.gal/servizos-no-mapa

•Por calquera dos sistemas habilitados pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

 

Dadas as características desta enfermidade, cunha alta capacidade de difusión entre as aves, e as graves repercusións económicas que a súa presenza pode causar ao sector avícola, é moi importante a detección precoz dunha sospeita desta enfermidade, polo que calquera sospeita de influenza aviaria debe ser comunicada de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural,directamente ou, de existir, a través do veterinario da explotación. Igualmente débese comunicar calquera caso de sospeita en aves silvestres.

Finalmente, é moi importante trasladar aos cidadáns que o serotipo do virus IAAP circulante actualmente é o H5N1, cunha elevada mortalidade entre as aves, pero que presenta un potencial zoonótico (e dicir, de transmisibilidade ás persoas) insignificante.

​​​​​​​Máis información no teléfono 981860808