O Concello de Rianxo deu a aprobación da Conta Xeral do ano 2015 na sesión plenaria do pasado xoves, 1 de decembro, dando así cumprimento ao último trámite para a súa aprobación definitiva e a súa remisión ao Consello de Contas para posterior fiscalización.
Foi apoiada polo executivo en solitario coa abstención dos grupos da oposición. A Conta Xeral é o documento que pon de manifesto a xestión realizada nos aspectos económicos, financieiros, patrimoniais e orzamentarios ao longo do ano ao que se refire (2015).
Neste sentido e tal e como define a normativa que regula a contabilidade local (HAP/1781/2013) a conta xeral da entidade mostrará a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira, dos resultados e da execución do orzamento.
Inclúe os seguintes documentos:
O principal documento de fiscalización da actividade política do concello constitúeo o estado de liquidación do orzamento, que se convirte nun elemento avaliador do grao de consecución dos obxectivos previstos e concretados no orzamento. Neste documento contense un diagnóstico da situación económica do concello ao longo do ano 2015 que a respecto da anualidade conclúe cuns dados que inciden na melloría xeral do estado de contas do Concello, entre outros:
- Pásase dun remanente de tesouraría para gastos xerais negativo no 2014 a un valor positivo neste ano 2015. Isto permite, entre outras cousas volver ter a capacidade para o financiamento de novos investimentos, o que se traduce na nova petición de crédito para o programa nas escolas unitarias, ou de arranxo de pistas municipais.
- Mellora tamén o aforro neto, unha das magnitudes máis importantes, de aí que o servizo de intervención considere cumpridos os obxectivos do Plan de saneamento financieiro previsto para o 2015-2018, ao conseguilo xa no seu primeiro ano.
- A mellora xeral do equilibrio orzamentario. En relación á anualidade de 2014 pásase de 97.014,68 euros a 227.510,20 euros o que supón un incremento do 7,7% nese equilibrio dos ingresos en Rianxo en relación os gastos.
- Seguiuse coa redución considerábel da carga financeira destes anos, que pasa de representar un 18,51% do orzamento en 2014 a un 12,42% no exercicio de 2015. Isto permitiu, entre outras cousas, destinar a gasto corrente parte do que se pagaba aos bancos, e mellorar a capacidade de realizar actuacións por parte do concello.
- Finalmente a débeda comercial mellorou, no segundo trimestre de 2016 o Período Medio de pago a provedores (PMP) acadou o valor de 30,49 días. Aínda fica moito por mellorar (viñamos de 70 días) e baixar desa porcentaxe pero en xeral é constatábel o bo camiño a seguir.
- Debemos tamén conseguir presentar este documento (a conta xeral) con maior antelación (dous meses antes).
A mellora destes números e magnitudes, a estabilizade orzamentaria e o estado de contas global explica que a día de hoxe se poida participar de programas que hai uns anos era impensábel pois carecíamos de capacidade de endebedarnos, solicitar préstamos ou pedir axudas que non foran do 100%.
Hoxe, con esforzo de todos, sen fachenda e con traballo constante, existe vía libre para ir financiando actuacións, participando de axudas que ás veces esixen que o concello poña o 20% ou até do 50%.