Notas de Prensa

- O Concello de Rianxo convoca 59 prazas dentro do proceso de estabilización do emprego - Concello de Rianxo

Notas de Prensa

O Concello de Rianxo convoca 59 prazas dentro do proceso de estabilización do emprego

O Boletín Oficial da Provincia publicou o xoves 29 de decembro bases dos procesos selectivos convocados para a cobertura de prazas dentro do proceso extraordinario de estabilización. Este proceso sinalado por Lei e obrigado por un mandato da Unión Europea permitirá reducir a temporalidade no emprego público no conxunto xeral das administracións locais por debaixo do 8%.

Unha vez asinado o decreto por parte da Alcaldía publicáronse as bases dos procesos selectivos para a cobertura das 59 prazas, ao abeiro da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

O alcalde salientou a importancia do proceso xa que se acadará "o obxectivo principal de redución da temporalidade do emprego no Concello de Rianxo, co conseguinte beneficio tanto para os traballadores e traballadoras como para a calidade dos servizos públicos que se prestan á veciñanza".

As prazas convocadas, 59, sairán polo sistema do concurso, segundo o previsto nas disposicións adicionais 6ª e 8ª da Lei 20/2021. Delas, 1 correspóndense con posto de persoal funcionario e 57, de persoal laboral. As solicitudes poderán presentarse dende o día seguinte á publicación dos correspondentes anuncios no Boletín Oficial do Estado.

Acordo con todos os sindicatos

Neste proceso de estabilización incluíronse as prazas de funcións estruturais cubertas con persoal funcionario interino ou laboral temporal con data anterior a 1 de xaneiro de 2021 logo das negociacións entre o goberno municipal e todas as organización sindicais con representación na Mesa de Negociación.

Praza de Conserxe por oposición libre. Técnico/a de Administración Xeral

No transcurso da negociación aprobouse tamén a creación da única praza de funcionario que, por razóns da aínda vixente taxa de reposición estatal, impide cubrir prazas excepto cando haxa xubilacións. Esta praza para o 2023 será de funcionario/a por oposición libre. O alcalde salientou a necesidade de que se modifique  a citada taxa para posibilitar sacar máis prazas por oposición libre. Nestes momentos está en marcha un proceso de oposición libre para dotarse dun técnico/a de Administración Xeral.