Notas de Prensa

- O Concello de Rianxo cooperará con AGADEA para dar servizo de atención diúrna á veciñanza con deterioro cognitivo - Concello de Rianxo

Notas de Prensa

O Concello de Rianxo cooperará con AGADEA para dar servizo de atención diúrna á veciñanza con deterioro cognitivo

O Concello de Rianxo, desde a Concellería de Benestar Social de Rianxo e da man da Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer (AGADEA) iniciou as xestións para a posta en marcha dun Servizo de Atención Diurna. Este servizo implantará “TERAPIAS DE ESTIMULACIÓN COGNITIVA” dirixidas a persoas con deterioro cognitivo, Asociado a Alzheimer ou outras demencias neurodexenerativas.

Estamos ante un servizo que dará cabida a unhas 22 persoas (cun grupo de deterioro leve e outro moderado) que serán atendidas 4 horas ao día de luns a venres por persoal técnico de AGADEA, experto en Terapia Ocupacional, Atención Sociosanitaria, Traballo Social e Psicoloxía. Supón un primeiro paso para dar prestacións que deberían estar cubertas por un Centro de Día na localidade e que até o de agora non impulsou a Xunta no noso Concello. Agadea xestiona o Centro de Día especializado en Alzheimer en Ribeira.

As actividades, en horario alternativo de catro horas de mañá ou tarde, de luns a venres, serán contacto social, estimulación da atención e da concentración, estimulación da lectura, escritura, cálculo, musicoterapia, laborterapia, motricidade fina e psicomotricidade. Para o desenvolvemento do servizo esíxese un número mínimo de persoas participantes entre os 4/5 (mínimo) e os 22 (máximo).

O lugar elixido que se está a procurar para o Servizo de Día sería accesible e adaptado para persoas con mobilidade reducida, amplo e con prazas de aparcamento dispoñibles preto. Barállanse diferentes opcións de cesión ou alugueiro e a asociación adaptaría e espazo para os seus usos mentres se agarda a cobertura definitiva.

Son os primeiros pasos para ir xerando no propio concello unha atención que a día de hoxe a veciñanza busca fora pola negativa até o de agora da Xunta a construír e financiar en Rianxo o Centro de Día. Aínda así, nesta mesma semana, o Alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, solicitaba de novo unha reunión coa Consellería para, acompañado do resto dos grupos políticos da corporación rianxeira, solicitar a creación dese Centro de Día e seguir a ofrecer a nosa cooperación cedendo instalacións como o antigo ISM (Clínica Vella) ou terreos públicos para que se dote o concello dun servizo que afecta a 22 familias que a día de hoxe se despraza fora.