O pasado 19 de marzo pola mañá, no Salón de Plenos do Concello de Rianxo, presentouse Mobilízate!, unha aplicación para dispositivos Android que pretende facilitar a participación cidadá así como favorecer a máxima eficacia e integración entre o Concello de Rianxo e os seus cidadáns e visitantes.
Este sistema, un dos pioneiros en Galicia, vai permitir que os mesmos veciños comuniquen en tempo real ao Concello os desperfectos que atopen. Por medio dun proceso sinxelo podese enviar desde o dispositvo móbil, en calquera momento, e dende calquera lugar, información de fallos no alumeado público, sinais de tráfico defectuosas, mobiliario en mal estado, rúas con deficiencias ou calquera outra que sexa de interese notificar.
Os veciños poderán enviar fotos e xeocalizar o punto no que actuar. Non se trata simplemente dun buzón de queixas xa que o cidadán, se así o prefire, recibe notificación do seguimento con resposta a súa demanda, convertendo así o sistema nunha nova canle de comunicación entre a administración local e os veciños.
A ferramenta está disponible para a súa descarga en Google Play. É de destacar que o 91% dos cidadáns dispoñen dun telefono “conectado”, confirmandose que o 64% dos españois acceden a Internet desde o seu smarthphone, e que os dispositivos Android son os máis numerosos no mercado.
A empresa responsable da posta en funcionamento deste sistema de información corporativa é eLaboro, de capital 100% galego, entidade con sede en Santiago de Compostela, que desenvolve a súa actividade profesional no ámbito da consultoría tecnolóxica e de organización, especialmente no entorno da Administración Pública, sendo o seu principal obxectivo a enxeñaría do software.
Na presentación e posta en funcionamento de Mobilizate! estiveron presentes responsables e técnicos da empresa eLaboro, a quen acompañaron o Alcalde, Adolfo Muiños e o Tenente de Alcalde, concelleiro responsable de novas tecnoloxías, Carlos Gey.
O rexedor agradeceu á empresa eLaboro que fora Rianxo o municipio escollido para presentar este sistema novidoso en Galicia, suliñando que así se daba un paso máis no camiño de posibilitar a participación cidadá ao tempo de facilitar unha resposta máis inmediata aos problemas existentes.
Carlos Gey destacou do novo sistema que 2era económico ao non precisar de investimentos extras ao tempo de aforrar tempo e cartos aos veciños nas súas notificacións ao Concello; sinxelo de usar ao non requerrir doutros coñecementos que non sexan os propios dun usuario de telefonía móbil e, por riba de todo, por ser un sistema de comunicación áxil e transparente, quedando constancia rexistrada do comunicado polos veciños”.
Entendendo que o éxito ou fracaso do sistema vai depender do uso que os veciños e traballadores do concello fagan del, nos próximos días pórase en marcha unha campaña de comunicación co obxectivo de dar a coñecer as vantaxes de Mobilizate!, que como seu nome indica busca mobilizar aos veciños na procura da súa participación por medio das novas tecnoloxías.
Mobilizate! incorpora no seu deseño a tipografía e cor azul da imaxe corporativa que distingue ao Concello de Rianxo.