Notas de Prensa

- Sarela abrirá en Rianxo coa colaboración do Concello un punto de información especializado en dano cerebral - Concello de Rianxo

Notas de Prensa

Sarela abrirá en Rianxo coa colaboración do Concello un punto de información especializado en dano cerebral

Sarela abrirá en Rianxo coa colaboración do Concello un punto de información especializado en dano cerebral

  • O punto de Rianxo dará tamén servizo a Dodro e Lousame e súmase aos da Estrada, Ribeira, Arzúa, Lalín e Mazaricos que xa viñan funcionando.

  • O obxectivo destes puntos é achegar a información ás familias con DCA que viven máis lonxe de Santiago e detectar as súas necesidades de atención.

  • Estará nas dependencias municipais de Servizos Sociais Comunitarios (Estrada de Tanxil, 12).

  • A atención será gratuíta e con cita previa que se pode concertar no teléfono de Sarela 981 577 037 ou a través dos servizos sociais dos concellos.

  • O mércores 28 ás 17:00 horas celebrarase unha charla informativa sobre aspectos xerais do dano cerebral no Auditorio de Rianxo.

Sarela (Asociación de Dano Cerebral Adquirido de Compostela) abrirá esta semana un novo punto informativo especializado en dano cerebral adquirido en Rianxo. A colaboración do Concello de Rianxo fai posible o funcionamento deste punto de información nas dependencias municipais de Servizos Sociais Comunitarios (Estrada de Tanxil, 12) e que tamén atende á poboación Dodro e Lousame. Esta mañá o punto de información foi anunciado en rolda de prensa polo alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, o secretario de Sarela, Luciano Fernández Pintor, a concelleira Benestar Social, Igualdade, Maiores e Xuventude, Ana Vidal, e a coordinadora do Servizo de información a familias de Sarela, Olalla Domínguez.

O punto de información de Rianxo é o segundo que entrará en funcionamento na Barbanza ao sumarse ao que xa funciona no hospital de Ribeira. Con este, Sarela xa ten na Área sanitaria de Santiago e Barbanza sete puntos de información: Estrada, Arzúa, Lalín, Mazaricos, ademais de en Santiago e os citados de Ribeira e Rianxo.

O esforzo realizado por Sarela para atender estes puntos de información encádrase no obxectivo de achegar información ás familias con dano cerebral adquirido que viven máis alonxadas de Santiago e detectar as súas necesidades de atención.

O dano cerebral é hoxe a primeira causa de discapacidade e dependencia en España. O ictus, os traumatismos cranioencefálicos, os tumores cerebrais, a falta de osíxeno por unha parada cardiorespiratoria ou un afogamento son as causas máis frecuentes desta discapacidade que hoxe afecta en Galicia a unhas 35.000 persoas. A información e o apoio ás familias cunha persoa con dano cerebral adquirido son fundamentais ao ter que afrontar unha nova realidade que chega de forma brusca e inesperada.

Como funcionan os puntos de información?

Todas as familias dos concellos de Rianxo, Dodro e Lousame, nas que algún dos seus membros teñan dano cerebral, poden pedir cita para asistir a este punto de información que é gratuíto. É necesario cita previa, que se pode solicitar a través do teléfono 981 577 037 de Sarela ou a través dos servizos sociais dos concellos.

No punto de información unha traballadora social de Sarela ofrecerá información e orientación sobre o dano cerebral relacionados coa volta ó domicilio despois da alta hospitalaria, recursos e servizos aos que pode ter dereito a persoa, servizos dirixidos á familia e persoa coidadora. Tamén existe a posibilidade de que a atención sexa a domicilio en función das necesidades das familias.

No funcionamento dos puntos de información será clave a coordinación con outras unidades de referencia como atención primaria de saúde, servizos sociais e outros recursos comunitarios da zona.

Charla informativa o mércores 28 de febreiro

Xunto á atención do punto de información Sarela quere achegar a realidade do DCA á poboación xeral a través de diferentes actividades de sensibilización e prevención como charlas dirixidas a grupos de risco como terceira idade, colaboracións cos colexios e institutos, etc.

Con este obxectivo o vindeiro mércores 28 de febreiro ás 17:00 horas celebrarase no salón de actos do auditorio de Rianxo unha charla dirixida á poboación xeral na que se abordarán aspectos xerais sobre o dano cerebral: causas, prevención, recursos de atención etc. A charla será dirixida pola educadora social de Sarela Noelia Nieto. É necesaria inscrición previa a través do teléfono 664.185489 ou no correo ana.vidal@concelloderianxo.gal.

...................................................................................................................................

Sarela (Asociación de Dano Cerebral Adquirido de Compostela)

Sarela é unha entidade sen ánimo de lucro creada en decembro de 2000 por familiares e persoas con dano cerebral adquirido (DCA) e que desenvolve o seu labor fundamentalmente nos concellos que configuran a área sanitaria de Santiago.

Ten como obxectivos fundamentais promover a defensa conxunta dos dereitos destas persoas e familias; a súa integración e normalización social, e o seu coidado, asistencia e protección. Entre os fins principais da asociación tamén están os de orientación e información así como o de prevención do DCA e os seus efectos.

Máis información en www.sarela.org