981860401
obras@concelloderianxo.gal
Concellería de Obras e Servizos Municipais
O Concello de Rianxo asumiu o acondicionamento e reforma da rotonda de Té, a principal arteria de entrada a Rianxo desde a autovía AG-11. Neste momento estanse a executar as obras na citada rotonda despois de acadar os permisos necesarios por parte da Xunta de Galicia, titular da rotonda, e o visto e prace da Deputación da Coruña, titular dos viais a Taragoña e Rianxo e con competencias tamén nesa zona.
O proxecto que se está a realizar pretende un obxectivo duplo: por un lado dignificar o principal dos accesos ao Concello, buscando unha mellor estética e presentación dando outra imaxe física renovada do que sería a porta de entrada aos cascos urbanos principais de Rianxo, entre eles á propia vila e ao propio parque empresarial. En segundo lugar co obxectivo de facer unha intervención que supoña o menor mantemento posíbel posterior por parte dos operarios municipais, co emprego de materiais con pouco labor unha vez realizados os traballos.
O deseño da rotonda é un traballo de deseño de Xardinería Saborido e a execución técnica por parte da empresa Tarrío y Suárez. Adaptouse ás esixencias da Xunta no que atinxe a altura dos elementos qaue a van compoñer. Simbolizará a rosa dos ventos cos catro puntos cardinais sinalizados coa súa inicial (N-S-L-O) ás que se engadirán as letras Rianxo de metro e medio de altura iluminadas e realizadas coa tipografía Gallaecia, inspirada en Castelao - Persoeiro principal do Concell que á súa vez terá unha imaxe icónica de case que catro metros de altura elaborada en aceiro corten presidindo a rotonda.
Os materiais empregados son gravas e cantos rodados de diferentes cores e formas, buxos e fornios delimitando zonas e oliveiras como elemento vexetal. Todo, coa idea de ter o menor mantemento posterior (para o que se instala unha malla antixerminativa) e cunha colocación espacial que non cambie a visión xeral do viario, unha das esixencias dos permisos autonómicos á súa instalación.
Esta actuación está executada con fondos propios municipais con cargo parcialmente do último remanente de tesourería. Foi obxecto de diferentes negociacións con departamentos da Xunta para adaptarse ás súas indicacións, entre outras tamén o traslado e recolocación dun grupo escultórico que se situou no acceso a Boiro desde Rianxo.
Os traballos na súa integridade coa colocación dos elementos de aceiro prevese para fins de marzo.