Obras e servizos

- Proxecto piloto de depuración autónoma en Cerqueiras, O Araño - Concello de Rianxo

OBRAS E SERVIZOS

INFORMACIÓN XERAL

981860401

obras@concelloderianxo.gal

Concellería de Obras e Servizos Municipais

Obras e servizos

Proxecto piloto de depuración autónoma en Cerqueiras, O Araño

O Plan de Medio Ambiente da Deputación da Coruña (PMA), aprobado no último pleno da institución, inclúe a realización dun proxecto en Rianxo que financia con 34.537,11 €, ademais da achega do concello de 45.390 euros para un total de 79.927,54 €. Consiste en dotar de saneamento ao núcleo de Cerqueiras, na parroquia do Araño, e dotalo dun sistema de depuración autónoma, a primeira destas características en Rianxo e que servirá de modelo para outras instalacións deste tipo que se pretenden realizar cando concorran similares circunstancias.

Como esta poboación se empraza a unha distancia insalvable para a conexión á rede municipal de saneamento, a solución adoptada para o lugar será a dunha instalación de rede de saneamento acompañada da instalación dunha pequena estación de depuración integral con moi baixo mantemento e custos que satisfaga as necesidades das vivendas de Cerqueiras.
 
Para esta obra, realizarase a apertura dunha gabia, que recollerá a canalización de saneamento, segundo as necesidades de cada tramo, que estará conectada por pozos ás redes particulares e derivará nun sistema de depuración instalado na parte máis baixa da aldea.

Na actualidade o núcleo de Cerqueiras non dispón de ningún tipo de servizo de saneamento público. Cada vivenda realiza a propia evacuación unifamiliar de maneira particular, cun número maioritario de desaugues en antigos pozos negros, onde non se realiza ningunha depuración, unicamente servindo de almacenaxe de sólidos, mentres os líquidos se filtran directamente ao terreo.

A día de hoxe, o lugar acolle 6 vivendas en uso, cun potencial a medio-longo prazo de ter localizadas unhas 10 vivendas. O número de habitantes empadroados no lugar estaba en 24 persoas no ano 2011. Os cálculos realizados, para obter unha depuración correcta na actualidade e con potencial de absorber posibles crecementos, foron estimados para 30 habitantes.

DESCRICIÓN E XUSTIFICACIÓN DAS OBRAS PROXECTADAS.

O núcleo de Cerqueiras atópase a case 7 quilómetros de distancia da rede de  saneamento municipal mais próxima. Este afastamento, tendo en conta a ausencia de núcleos intermedios, así como a doutros factores topográficos desfavorables, provocan que a solución tipo a realizar nestes casos, consistente no trazado dunha rede local para conexión coa rede xeral existente, sexa totalmente inviable, polo que se optou polo modelo de depuración autónomo ao que se lle dará continuidade noutras aldeas do concello.

A solución adoptada é a de realizar un sistema autónomo, con disposición de rede de saneamento e derivación nunha pequena estación de depuración, formada por un equipo compacto composto por unha fosa séptica estanca e filtro biolóxico, e por dous pozos de drenaxe.

No lugar non existe ningún tipo de instalacións da mesma natureza que as proxectadas, as pendentes do terreo provocan que o saneamento teña caída cara á parte mais baixa da aldea, cun treito desfavorable no primeiro tramo, onde haberá que calcular o desnivel e fondeo na propia calzada, mentres que no resto do lugar pódese realizar unha rede con pendente natural, seguindo a caída do terreo.  A lonxitude total da rede está nos 115 metros, ata o último pozo, onde sairá á rede de conexión coa estación de depuración.