981860401
obras@concelloderianxo.gal
Concellería de Obras e Servizos Municipais
O Concello de Rianxo está a realizar nestas semanas o troco de luminarias previsto no proxecto Renovación e adaptación do alumeado público, proxecto que pretende mellorar a eficiencia enerxética do Concello e que prevé a substitución progresiva do alumeado por lámpadas LED, así como a instalación de novos cadros de mando.
Nesta fase, o proxecto, financiado nun 80% polo IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía-Ministerio de Transición Ecológica) e nun 20% polo propio Concello, contempla a substitución dun 60% (2033) das luminarias totais do municipio e do 65% dos cadros de mando. Son 63 cadros dos 90 dispostos na rede para dotalos de, entre outras melloras, elementos de telexestión, o que redundará na eficiencia. As luces contan cunha garantía mínima de cinco anos asumidas pola empresa subministradora que se encargará da súa substitución en caso de fallo técnico.
O proxecto comeza nesta fase primeira no rural de Rianxo, mellorando substancialmente as instalacións e a iluminación en boa parte dos núcleos. Estase traballando xa nunha nova axuda ao IDAE para acometer o troco restante de luminarias e abranguer todo o concello. No zona vella de Rianxo e no polígono empresarial, este na súa totalidade, xa se acometeran algunhas actuacións puntuais. que nun futuro se completarán nunha segunda e definitiva fase, así como outras axudas públicas que poidan xurdir.
O nivel de satisfacción da veciñanza semella alto nos lugares onde xa se produciu o cambio, que nestes momentos vai polo 50% do previsto, cuns estándares de iluminación para as diferentes vias moi elevados e nas que as ferramentas tecnolóxicas permiten mesmo graduar a luz existente para rebaixarse en tramos horarios e adaptarse ás condicións de tránsito existentes.
A empresa gañadora do concurso foi IMESAPI, por un importe final de 757.649,40 euros fronte a outras dezaseis propostas baremadas. Contempla tamén diferentes melloras como dez mil metros de cable, elementos de seguridade, 600 brazos de aceiro, dez farois para pasos de cebra e a telexestión. Esta empresa foi tamén encargada de realizacións na Pobra, Castelló, Almendralexo ou Yaiza.
O importe total do proxecto adxudicado ascende a 757.649 euros. En canto á potencia instalada, baixará de 233.390 kW anuais a 110.630 kW e o consumo un 67,41%. En termos económicos, prevese un aforro do 59,83 % da factura actual. No que se refire á baixada de carbono pasaríase de 525 toneladas de emisión a 210 toneladas anuais e tamén hai que ter en conta a redución da contaminación lumínica.
Esta medida é unha das contempladas no recentemente aprobado Plan de Acción para ou Clima e a Enerxía Sostible, PACES, que prevé a redución gradual de emisións de CO2 nos sectores chave do 50 % en edificios municipais, o 60 % na iluminación pública e o 40 % nos edificios privados/terciarios e do transporte.