Rexistro de Rehabilitación - Concello de Rianxo
100 Casas, historias, soños,… Agardan por Ti
Programa pioneiro e único en Galicia que trata de poñer a disposición de calquera persoa unha bolsa de casas unifamiliares dentro do municipio de Rianxo, tanto no ámbito urbano coma no rural, para que poidan ser rehabilitadas e rehabitadas, como primeira ou como segunda residencia.
Para tal efecto, será a Oficina Municipal de Rehabilitación a que supervisará todos os datos achegados, tanto polas persoas propietarias de casas como polas demandantes de casas.
O Concello de Rianxo difundirá, a través dos medios de comunicación convencionais e tamén a través das redes sociais, a bolsa de vivendas inscritas.
Ofrecerá un completo asesoramento a ambas partes para conseguir o primeiro obxectivo, que as persoas demandantes adquiran en réxime de compravenda, aluguer ou aluguer con opción de compra unha das casas inscritas no rexistro.
Tamén a Oficina Municipal de Rehabilitación asesorará sobre a propia obra de rehabilitación, tanto na supervisión do proxecto coma no proceso da obra, co fin de conseguir unha rehabilitación de calidade e a recuperación da nosa Arquitectura Popular.
Se é vostede demandante
Se vostede quere inscribirse no Rexistro Municipal de Rehabilitación como demandante de vivenda para rehabilitar deberá cubrir o impreso chamado "Formulario Demandates" e presentalo no Rexistro Xeral da Casa do Concello ou por calquera dos medios previstos na normativa de procedemento administrativo.
Se é vostede propietario/a
Se vostede é propietario/a dunha vivenda e quere inscribila no Rexistro Municipal de Rehabilitación deberá cubrir o impreso denominado "Formulario Propietarios", realizar o pagamento do prezo de inscrición (50€/ano) en calquera das contas bancarias do Concello de Rianxo, a presentar no Rexistro Xeral da Casa do Concello ou por calquera dos medios previstos na normativa de procedemento administrativo 3 documentos:
- Formulario de inscrición cuberto
- Xustificante do pagamento do prezo anual
- Escritura pública da vivenda
Posteriormente, a Oficina Municipal de Rehabilitación porase en contacto con vostede para comprobar os datos, completalos se é necesario e para inscribilo/a definitivamente no Rexistro.
Formulario para propietarios/as
Para calquera dúbida sobre o funcionamento pódese poñer en contacto coa Oficina de Rehabilitación do Concello de Rianxo a través do teléfono 981 86 63 50 ou do correo-e odr@concelloderianxo.gal