En Rianxo, AO NOSO XEITO! - Concello de Rianxo
EN RIANXO, AO NOSO XEITO
Novas relacionadas
A Concellaría de Promoción Económica e mais o Servizo de Normalización Lingüística continúan coa promoción da campaña de dinamización do comercio e da hostalaría rianxeira, “En Rianxo, ao noso xeito”, coa impresión e reparto de bolsas de papel co logo da campaña.
O obxectivo desta iniciativa é seguir promovendo a actividade económica rianxeira e contribuír á utilización de bolsas de papel reutilizables e á eliminación do plástico. As bolsas levan o lema da campaña “En Rianxo, ao noso xeito” para seguir estendendo a marca orixe de Rianxo e facer publicidade do pequeno comercio e da hostalaría rianxeira.
Os establecementos adheridos a esta campaña de dinamización e de promoción da lingua galega son os primeiros destinatarios deste material publiciatario, mais a campaña segue aberta a novas adhesións. Para participar nela cómpre pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística a través do correo normalizacion@concelloderianxo.gal ou do teléfono 881 988 891.
A concelleira de Promoción Económica e Desenvolvemento Local, Adelina Cés Quintáns, fixo onte a entrega de diplomas ao alumnado participante no curso de venda electrónica EMPEZAR A VENDER EN INTERNET, desenvolvido dentro da campaña “En Rianxo, ao noso xeito”, organizado por esa concellaría e mais o Servizo de Normalización Lingüística.
A formación foi impartida por Agustín Pérez, especialista e docente en mercadotecnia dixital, comercio electrónico, empresa e turismo, e incluíu unha introdución á venda en liña, con especial referencia ao pequeno comercio; como poñer en funcionamento unha web propia de vendas, ferramentas técnicas e recursos para fidelizar a clientela, xunto co deseño e elaboración da propia web.
O obxectivo desta actividade é dinamizar o sector económico rianxeiro e facilitar melloras para os negocios locais, co fin de ofrecer un mellor servizo e ampliar o ámbito de influencia das empresas rianxeiras, tendo como referente a lingua galega como elemento indispensable do traballo diario e na atención á clientela.
A campaña de dinamización do comercio e da hostalaría rianxeiras “En Rianxo, ao noso xeito” continúa a súa implantación e segue aberta para que se poidan sumar novos establecementos. En breve comezará a deseñarse unha páxina web para promover todos os establecementos e negocios rianxeiros co obxectivo de dalos a coñecer e situalos no mapa, e facilitar, deste xeito, o acceso da veciñanza e das persoas visitantes.
Para formalizar a súa adhesión deberán poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (normalizacion@concelloderianxo.gal ou no teléfono 881988891).
O INICIO DO CURSO TRASLÁDASE AO VENRES 11 DE MAIO
Amplíase o prazo de inscrición neste curso ata o vindeiro xoves 10 de maio.
A Concellaría de Promoción Económica e mais o Servizo de Normalización Lingüística organizan unha nova actividade de dinamización dentro da campaña “En Rianxo, ao noso xeito”.
Trátase dunha actividade formativa titulada EMPEZAR A VENDER EN INTERNET, que está destinada a empresas e persoas autónomas e desempregadas que teñan interese en aprender as vantaxes e o funcionamento que ten internet para vender e/ou ofrecer os seus produtos e fidelizar a clientela.
A formación será impartida por Agustín Pérez, diplomado especialista en Dirección e Xestión de Empresas Turísticas, cun mestrado en Dirección e Planificación do Turismo. Ademais de desenvolver unha actividade investigadora, realizou tamén un recente estudo para a Deputación Provincial da Coruña en materia de mercadotecnia turística, e conta con máis de 5 anos de experiencia como docente nas especialidades de mercadotecnia dixital, comercio electrónico, empresa e turismo.
O programa do curso inclúe unha introdución á venda en liña, con especial referencia ao pequeno comercio; como poñer en funcionamento unha web propia de vendas, ferramentas técnicas e recursos para fidelizar a clientela, xunto co deseño e elaboración da propia web.
Está destinada a empresas locais, especialmente ao comercio e á hostalaría, pero tamén a traballadoras autónomas que poidan precisar destas ferramentas e a persoas desempregadas.
O curso é de balde e cómpre inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rianxo (planta baixa do antigo xulgado), no teléfono 881 988 891 ou a través do correo electrónico normalizacion@concelloderianxo.gal
Celebrarase os martes e venres de maio e o 1 de xuño, na aula multimedia do auditorio de Rianxo, en horario de 20.30 a 22.30. O curso comeza o venres 4 de maio.
O obxectivo desta actividade é dinamizar o sector económico rianxeiro e facilitar melloras para os negocios locais, para ofrecer un mellor servizo e ampliar o ámbito de influencia das empresas rianxeiras.
Para acadar ese obxectivo e facilitar o seu traballo ás persoas que xestionan e atenden estes establecementos, o Servizo de Normalización Lingüística asesorará directamente aos establecementos que se adhiran, coa finalidade de mellorar a atención ao público, contribuír á promoción do comercio e da hostalaría rianxeiras, e estender o uso do galego na atención ao público, nos soportes comerciais, na información que se facilita nos establecementos (oral e escrita) e nos menús e cartas dos bares e restaurantes.
Esta campaña conta coa colaboración da ARE, Asociación Rianxeira de Empresarios, que contribuirá á difusión entre os seus asociados e afondará tamén na súa propia galeguización como asociación. Ademais poderán participar nesta campaña todos os establecementos comerciais e hostaleiros de Rianxo que así o comuniquen por escrito ao Servizo de Normalización Lingüística.
Os establecementos que se adhiran a esta campaña comprométense a utilizar con preferencia a lingua galega nas súas relacións coa clientela, e a etiquetar, sinalizar, redactar os menús e cartas, e facer a súa publicidade en galego. Para iso contarán co asesoramento e os recursos que lles facilitará o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rianxo, que será o interlocutor necesario en todo o proceso.
A presentación da campaña celebrarase o vindeiro xoves 21 de setembro, ás 20.30 h, no antigo Liceo marítimo de Rianxo, e contará cunha charla de Roberto Rivas, un dos socios da cooperativa Adega Moraima e da súa presidenta Salomé Cancela. Esta adega é un exemplo de galeguización total do traballo comercial e da etiquetaxe, que distribúe dentro e fóra de Galicia os seus viños da denominación de orixe Rías Baixas. Ao remate da charla haberá unha degustación de viños.
Agradécese a confirmación da asistencia ao acto a través do teléfono 981866312 da Asociación Rianxeira de Empresarios, ou do teléfono 981860075 ou correo electrónico normalizacion@concelloderianxo.gal, do Servizo de Normalización Lingüística.
Comeza a promoción da campaña de dinamización do comercio e da hostalaría rianxeira coa sinatura do protocolo de colaboración entre a ARE (Asociación Rianxeira de Empresarios) e o Concello de Rianxo.
Na mañá de onte celebrouse a sinatura deste protocolo de colaboración na Casa do Concello, coa presenza do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, o presidente da ARE, Luis Duro, a concelleira de Promoción Económia, Adelina Ces, a concelleira de Cultura e Normalización Lingüística, Raquel Abuín, e a técnica de normalización lingüística, Eva García.
O obxectivo desta campaña de dinamización é promover o uso da lingua galega como lingua vehicular e maioritaria nos establecementos comerciais e hostaleiros de Rianxo e dinamizar o sector económico rianxeiro.
Para a efectividade deste protocolo, o Servizo de Normalización Lingüística estará en contacto permanente coa ARE e cos establecementos comerciais e hostaleiros, facilitaralles asesoramento e recursos, e promoverá iniciativas que redunden na efectiva galeguización do sector.
Nunha primeira fase do proxecto, que terá continuidade nun futuro, prevense as seguintes accións:
-
Deseño dunha imaxe común que identificará os establecementos participantes.
-
Creación dun espazo web con recursos de utilidade para o sector hostaleiro e comercial (na propia web municipal, na sección de normalización lingüística).
-
Organización de charlas informativas e cursos de formación para o persoal dos establecementos adheridos.
-
Creación de recursos específicos para cada establecemento, asesoramento e corrección da súa publicidade, páxinas web e nas redes sociais.
-
Distribución de adhesivos promocionais da campaña que os establecementos colocarán en lugar ben visible nos seus escaparates.
-
Distribución de panos de mesa nos establecementos hostaleiros co lema da campaña e o agradecemento: “Grazas pola súa visita”.
-
Distribución de etiquetas e adhesivos nos establecementos comerciais para agasallos e felicitacións.
Aínda que inicialmente a sinatura do protocolo de colaboración se asinou coa ARE, serán tamén destinatarios desta campaña todos os establecementos comerciais e hostaleiros de Rianxo, aínda que non pertenzan á ARE, que deberán solicitalo ao SNL por escrito.
No acto de sinatura presentouse tamén a imaxe da campaña e mais o logo que exhibiran os establecementos comerciais e hostaleiros que se adhiran.
O Servizo de Normalización Lingüística continúa co reparto do material de apoio da campaña “En Rianxo, ao noso xeito”, nesta ocasión coa distribución de adhesivos de agasallo entre os establecementos comerciais rianxeiros adheridos.
Os adhesivos distribuídos teñen tres mensaxes diferentes, que poden responder ás necesidades de cada ocasión ou celebración: “Parabéns”, “Agardo que che guste” e “Con todo o meu agarimo”. Este sinal de identidade do comercio rianxeiro que participa desta campaña vai chegar directamente a toda a clientela, e servirá para estender o uso da nosa lingua e achegar unha marca distintiva do comercio rianxeiro.
Os primeiros establecementos en recollelos, da man da concelleira de promoción económica, Adelina Ces, foron: confeccións Encarnita, Xoiaría Bravo, Estanco Xacobiño, Decoracións Adobío, Nenis e Acuarela artesanía.
Aqueles establecementos comerciais que aínda non forman parte deste proxecto poden dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística no Concello de Rianxo (planta baixa do antigo xulgado), ou contactar no correo normalizacion@condelloderianxo.gal ou no teléfono 881988891.
Aproveitamos a época de rebaixas de inverno para publicar uns recursos sinxelos que poden axudar a etiquetar os produtos que se poñen á venda con descontos.
Podedes descargar as etiquetas en formato individual ou en tamaño A4, para imprimir varias xuntas.
Os establecementos comercial adheridos á campaña EN RIANXO, AO NOSO XEITO, tamén poden recoller no SNL os carteis de rebaixas.
A Concellaría de Promoción Económica e mais o Servizo de Normalización Lingüística organizan un curso de formación dirixido aos establecementos hostaleiros rianxeiros que participan na campaña EN RIANXO, AO NOSO XEITO.
O curso, denominado “Aperitivos sinxelos con produtos tradicionais”, pretende axudar ao persoal da hostalaría a elaborar diferentes aperitivos, distinguindo entre petiscos, tapas e racións, para ofrecer propostas diferentes que enriquezan o servizo de bebidas e contribúan a crear un atractivo extra no servizo de bares, cafeterías e restaurantes.
O curso desenvolverase en dúas sesións de 3 horas cada unha, os mércores 21 de febreiro e 7 de marzo, en horario de 17.00 a 20.00 h, para que a asistencia poida conciliarse coas horas de menor actividade hostaleira. Celebrarase no antigo Liceo marítimo rianxeiro, e será impartido por dous cociñeiros e profesores no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra: Carlos Rodríguez e Daniel Pulzoni.
A formación é de balde e para participar cómpre inscribirse antes do 16 de febreiro no Servizo de Normalización Lingüística (situado na planta baixa do concello – edificio do antigo xulgado -), no correo electrónico normalizacion@concelloderianxo.gal, ou no teléfono 881988891.
O SNL comezou co reparto do material de apoio da campaña “En Rianxo, ao noso xeito”, nesta ocasión coa distribución de paquetes de panos de mesa entre os establecementos hostaleiros rianxeiros adheridos.
Os panos, en tisú de alta calidade, levan o logo da campaña e o agradecemento “Grazas pola súa visita”, co obxectivo de difundir material de uso diario para a hostalaría, que chega directamente a toda a clientela, e que servirá para estender o uso da nosa lingua e achegar unha marca distintiva da hostalaría rianxeira.
Os primeiros establecementos en recollelos foron: o restaurante Feliciano, Don Pancho, O Vilar e o bar Berberecho, en Rianxo; o bar Nova Era do Araño; O Curral do Marqués, de Taragoña; e o bar Atalaia de Asados.
Nos vindeiros días a clientela destes establecementos poderá usar xa este material, que en breve estará tamén nos restantes establecementos adheridos.
Comezaron as actividades de promoción da campaña de dinamización do comercio e da hostalaría rianxeira cunha charla-degustación a cargo da Adega Viña Moraima, da denominación de orixe Rías Baixas.
Na noitiña do pasado xoves, 21 de setembro, celebrouse unha charla no antigo Liceo marítimo rianxeiro, con cata de viños da Adega Viña Moraima, na que dous representantes da cooperativa, Salomé Cancela e Roberto Rivas, falaron do traballo colaborativo e das posibilidades que a lingua galega ofrece aos diferentes negocios para promocionar os seus produtos e para marcar a denominación de orixe.
O obxectivo da campaña EN RIANXO, AO NOSO XEITO é promover o uso da lingua galega como lingua vehicular e maioritaria nos establecementos comerciais e hostaleiros de Rianxo, e dinamizar o sector económico rianxeiro.
Precisamente esta adega é un claro exemplo das oportunidades que a lingua galega ofrece para identificar os produtos que levan unha marca de orixe e identidade, e que non supón pexa ningunha o feito de etiquetar o viño en galego aínda que se exporte para fóra de Galicia, mesmo para fóra de España e alén do Atlántico.
Na presentación comezouse tamén co reparto das fichas de inscrición que teñen que cubrir os establecementos rianxeiros que se sumen á campaña, co fin de elaborar un rexistro cos datos de cada un e facerlles un seguimento, para que o Servizo de Normalización Lingüística poida asesorar e facilitar recursos específicos e apropiados a cada negocio.
Nas vindeiras semanas o SNL e mais a ARE, a Asociación Rianxeira de Empresarios, continuarán coa difusión e os contactos para que se sumen a esta campaña o maior número de establecementos posible.