Servizo de Información e Animación Xuvenil

Servizo de Información e Animación Xuvenil - Concello de Rianxo

Persoal

Servizo de información e animación xuvenil

O Servizo de Información e Animación Xuvenil tenta satisfacer as necesidades específicas da mocidade, mediante o seu quefacer na dinamización da realidade xuvenil.

As funcións deste servizo son, por unha parte, a canalización e difusión da información xuvenil, ofrecendo un servizo de orientación e asesoramento  acerca dunha ampla temática, e por outra a planificación e o desenvolvemento de actividades e programas dirixidos á mocidade, tanto encamiñadas á súa formación, ao tempo de lecer, como á promoción do asociacionismo, entre outras.

Liñas de actuación

  • Informar e orientar á mocidade sobre as distintas posibilidades e recursos que as Administracións Públicas, entidades, e a sociedade en xeral, oferta e pon ao seu alcance.
  • Asesorar ás persoas interesadas acerca de distintos temas vencellados coa realidade xuvenil e a súa problemática.
  • Fomentar o asociacionismo e promover a participación activa da mocidade en actividades e programas diversos de carácter sociocultural, educativo, comunitario,... así como na mellora da realidade xuvenil do Concello de Rianxo.
  • Facilitar e fomentar a participación da mocidade en procesos de creación, produción e difusión cultural, así como formativos, de encontro e comunicación.
  • Canalizar e dar resposta ás inquedanzas da mocidade, animando e promovendo iniciativas do seu interese.

 Información e documentación

Ten como principal cometido as tarefas propias de información e asesoramento sobre unha ampla temática de interese (educación, formación e emprego, turismo xove, asociacionismo, ocio e tempo libre, saúde, temas sociais...). Este labor lévase a cabo mediante a atención directa e personalizada (infórmase directamente sobre distintos temas vencellados coa realidade xuvenil e a súa problemática, ben a través de atención presencial, telefónica ou vía correo electrónico), e na aula de autoconsulta, onde se pode consultar unha ampla e variada información actualizada. Esta aula dispón de taboleiros informativos que conteñen información impresa de diferentes materias como convocatorias de bolsas, actividades, cursos, concursos, formación, voluntariado ou emprego. Ademais conta con ordenadores con acceso a  Internet para que poidas buscar ti mesma a información.

Por outra banda, a Oficina de Información Xuvenil está incluída na Rede Galega de Información Xuvenil e tamén é centro expendedor do Carne Xove Euro<30.

 Animación e promoción de iniciativas

As funcións son moi diversas e abranguen dende a organización e desenvolvemento de todo tipo de tarefas de dinamización xuvenil, ata a canalización das súas inquedanzas e a promoción e realización de iniciativas do interese da mocidade.

Ofrécese tamén un servizo de asesoramento e axuda á xestión de programas e iniciativas promovidas pola mocidade, ben a título individual ou a través de asociacións.