Servizos Sociais

Axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Concilia Familia - Bono Concilia Familia - Concello de Rianxo

INFORMACIÓN XERAL

Estrada de Tanxil 12, Rianxo

981 86 00 61

881 16 89 34

servizossociais@concelloderianxo.gal

Concellería de Servizos Sociais

luns - venres: 08:00 - 15:00

Os Servizos Sociais Comunitarios deste concello contan, para o seu desenvolvemento, con financiamento da Deputación Provincial da Coruña e da Consellería de Política Social e Xuventude.

SERVIZOS SOCIAIS

Bono Concilia Familia

Axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Concilia Familia

O 04/07/2023 publicouse no DOG  núm. 126 a Orde do 22 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias a través do programa Bono Concilia Familia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS412A)

 

OBXECTO DA AXUDA
Concesión de axudas económicas ás familias con nenos e nenas residentes en Galicia de ata doce anos de idade, estes incluídos, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares, que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 8 de setembro de 2023.
 

PERSOAS BENEFICIARIAS
Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Concilia Familia os pais/nais e as persoas titoras de nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

REQUISITOS:
a) Que o neno ou a nena sexa menor de trece anos no momento en que se produce o suposto para o cal se solicita a axuda.
b) Que ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, familias monoparentais ou pais/nais con custodia non compartida estean efectivamente traballando, tanto no suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena como por necesidades en períodos de vacacións escolares.
Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo en que esta se exerza efectivamente e, nestes casos, cada pai/nai deberá presentar unha solicitude individual.

 

ACCIÓNS E GASTOS SUBVENCIONABLES
Para ter dereito ás axudas previstas, as familias deberán acreditar que están nun dos seguintes supostos:
a) Supostos de necesidades puntuais que a seguir se relacionan:

  •  Enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual.

  •  Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención do neno ou nena.

  •  Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual que impidan a atención do neno ou nena.

  •  Situacións puntuais de coidado de familiares, do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, sempre que impidan a atención do neno ou nena por parte da persoa coidadora.

b) Necesidades en períodos de vacacións escolares que se producen cando os centros educativos están pechados por vacacións sempre que ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, familias monoparentais ou pais/nais con custodia non compartida acrediten que por motivos laborais non poden facerse cargo da atención do neno ou nena.


Serán obxecto de subvención os seguintes gastos derivados dos medios empregados para a atención de nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, nos supostos e dentro dos períodos indicados anteriormente, mediante a:

  • Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar de forma temporal para o coidado do neno ou nena. Consideraranse tamén as ampliacións horarias de contratos laborais preexistentes que se realicen con esta finalidade no que se refire á dita ampliación.
  • Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.
  • Asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Xuventude, en concreto, atención en ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia previstos na sección quinta do capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.
  • Asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.

 

TIPO DE AXUDA E CONTÍA:
A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións citadas. A contía máxima da axuda será:
    a) De 500 euros por unidade familiar no caso de contratación dunha persoa empregada     do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.
    b) De 200 euros por cada neno ou nena no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Xuventude ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos     nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
Cada suposto de conciliación a que dá cobertura esta orde será obxecto dunha axuda dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

 

PRAZO DE SOLICITUDE
As solicitudes presentaranse OBRIGATORIAMENTE por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
O prazo de presentación de solicitudes finalizará o día 15 de setembro de 2023.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

​​​​​​​

MÁIS INFORMACIÓN:

 

Orde do 22 de xuño de 2023

Tramitación en liña​​​​​​​​​​​​​​

Formularios de anexo