Toponimia de Rianxo

Toponimia de Rianxo - Concello de Rianxo

Toponimia

O Servizo de Normalización Lingüística fai un chamamento á veciñanza para que colabore na identificación da toponimia incorrecta de estradas, rúas e camiños.

O SNL vai facer a revisión e actualización da toponimia oficial do Concello de Rianxo, que se pode consultar na páxina web de Toponimia de Galicia (Nomenclátor Oficial de Rianxo), fixada pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, o órgano responsable do procedemento de fixación e recuperación dos nomes de lugar de Galicia.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 10 establece:

  • Os topónimos terán como única forma oficial a galega.

  • Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente.

  • Estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas.

Mais nalgúns lugares pódense ver topónimos mal escritos, castelanizados ou con erros, que moitas veces levan longo tempo así, mesmo antes da aprobación da toponimia oficial.

Por iso cómpre que entre todas e todos identifiquemos os sinais, rótulos ou indicadores que deban ser corrixidos conforme á toponimia correcta, para que o Servizo poida identificalos e o Concello de Rianxo poida requirir ás distintas administracións responsables das estradas que atravesan o municipio (Deputación da Coruña e Xunta de Galicia) a súa corrección, ou corrixir aqueles que sexan competencia municipal.

No ficheiro anexo pódese consultar a toponimia oficial para detectar os posibles erros e corrixilos. Un exemplo podémolo atopar nos paneis indicadores da rotonda a carón da ponte de Catoira, que poñen *Bacariza, cando o correcto é A Vacariza.

 

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rianxo fai un chamamento á veciñanza para que colabore nesa identificación e informe dos lugares onde figuran os topónimos errados.

 

As achegas pódense facer a través da conta do correo electrónico do SNL normalizacion@concelloderianxo.gal, na súa páxina na rede social Facebook (https://www.facebook.com/SNLRianxo/) ou no propio Servizo (planta baixa da casa do concello, antigo xulgado).