Turismo

- Fotos da actividade do Goza do Ulla 2017: As Tres Cruces - Concello de Rianxo

INFORMACIÓN TURÍSTICA

Turismo

Fotos da actividade do Goza do Ulla 2017: As Tres Cruces

O pasado sábado, 14 de outubro, tivo lugar a ruta de sendeirismo "As Tres Cruces", organizada polo Concello de Rianxo dentro da programación do Goza do Ulla.

Máis de 200 participantes puideron gozar dunha andaina que partiu da aldea mariñeira de Quintáns, pasamos a carón da Igrexa de Santa María de Isorna e a Casa reitoral, onde observamos o 13º hórreo máis longo de Galicia; logo pasamos Isorna, terra do poeta Faustino Rey Romero, e o Souto para subirmos ao Monte das Cercas. Neste alto, a uns 160 m de altitude, atópase un dos castros mellor definidos do municipio, da Idade de Ferro, así como a Cova do Xil, cuxa lenda nos traslada a outra época, pois as súas escaleiras de ouro levaríannos ata as Torres do Oeste. As brétemas matinais impedíronnos gozar dunha ampla vista da desembocadura do Ulla, a Ría de Arousa, a Illa de Cortegada, etc., polo que continuamos o camiño para descender ata Rial para chegar á costa, na parroquia de Leiro, en plena celebración das súas festas grandes do Carme. A partir deste punto bordeamos o litoral ría/río arriba, con paraxes espectaculares, con antigos fornos de cerámica que despois transportaban os galeóns... ata o punto que lle dá nome á ruta: as Tres Cruces. Na Punta Patiño ou Punta de Trece Cruces, atopámonos tres cruceiros que forman parte do vía crucis da Traslatio, dentro do Camiño do Mar de Arousa e río Ulla, nun contorno único cunha ampla panorámica. O tramo final levounos por un sendeiro rechán para rematar onde comezamos, despois de 4 horas de emocións.

Para ver máis imaxes da actividade, visita a páxina de facebook do Concello de Rianxo: facebook.com/concelloderianxo