Museo do Mar de Rianxo
Casa Museo de Manuel Antonio
Praza Castelao 9, Rianxo
667185576
turismo@concelloderianxo.gal
Portal de información turística
O sábado 6 de outubro de 2018, o Concello de Rianxo realizará a actividade “Móllate polos ríos: Limpeza do río Té”, enmarcada na XI Limpeza Simultánea do Proxecto Ríos.
O lugar de encontro será na Ponte de Té, ás 11:00 horas (coordenadas GPS: 42.669265, -8.812820).
Non é necesario inscribirse, pero si recomendable.
As persoas interesadas poderán anotarse no teléfono 981860808 ou no correo-e: medioambiente@concelloderianxo.gal.
Ao final da actividade agasallarase a cada participante cunha camiseta conmemorativa.
Para o día da limpeza o concello dotará ás persoas participantes con luvas e sacos para a recollida.
Recoméndase, se é posible, levar:
- Pinchos (paus cun pincho na punta para coller lixo).
- Botas de auga (polo menos algunha persoa con elas).
- Roupa cómoda axeitada a este tipo de actividade.
Para o desenvolvemento da xornada é preciso contar con algunhas medidas de seguridade elementais para non mancarse ao retirar o lixo. Polo tanto, cómpre:
- Non arriscar a integridade física por coller lixo en zonas perigosas ou pouco accesibles.
- Ao levantar pesos facelo sempre dobrando os xeonllos. Pedir axuda a outros compañeiros/as para recoller cousas pesadas.
- Se hai cristais, vidro, ferralla, ou outro material cortante retiralo con precaución, unicamente se é posible e seguro.
- Aplicar o sentido común. Avisarase ao coordinador presente na actividade para que o persoal cualificado do concello retire o lixo máis problemático.
- Se no grupo van nenas/os ter boa conta deles e non deixalos sós, polo que deben ir acompañados dunha persoa responsable.
- Non traballar de costas ao río, sobre todo se estamos arrincando algo que está enterrado xa que podemos caer ao cauce.
- Ter coidado coas zonas de corrente forte e profundas.