Deportes

- Curso de Monitores de Fútbol Base - concelloderianxo

Actividades

Actualidade

Curso de Monitores de Fútbol Base

Presentouse no  Salón de Plenos do Concello o Curso de Monitor de Fútbol Base, organizado pola Escola Galega de Adestradores e a Federación Galega de Fútbol, en colaboración co C.D.D. Taragoña.

A presentación correu a cargo de Adolfo Muíños Sánchez, Alcalde de Rianxo, Manuel Mosquera, Director da Escola Galega de Adestradores da Federación Galega de Fútbol, Carlos Campaña, Secretario do CCD Taragoña e Xusto Ordóñez, Concelleiro de Deporte e Patrimonio do Concello de Rianxo.

O curso celebrarase no Centro Cultural e Deportivo de Taragoña e no Campo de Fútbol Municipal de A Lomba (Taragoña), a partir do 9 de novembro. Os participantes completarán unha formación de 65 horas en técnica, táctica, metodoloxía, regulamento, psicoloxía... que os iniciará nos fundamentos do adestramento deportivo dirixido ás categorías de base. As sesións serán impartidas por adestradores de Nivel III da comarca e coordinadas por Iago Iglesias, Adestrador Nacional.

Precísanse un mínimo de 15 inscricións para poder levar adiante o curso, que ten un custe de 150 € e esta aberto a participantes de toda a comarca. As bases do curso e os formularios de inscrición estarán dispoñibles na páxina da Federación Galega de Fútbol, se ben tamén se poderá acadar información e formalizar a inscrición a través do CCD Taragoña e do Servizo de Deportes do Concello de Rianxo.

Na súa intervención, Adolfo Muíños agradeceu ao C.C.D. Taragoña a súa mediación ante a FGF para que este curso puidera celebrarse en Rianxo, ao tempo que lembrou que o Concello leva tempo apostando por unha formación deportiva de calidade nos clubs rianxeiros a través do Programa Deporte Base.

Manuel Mosquera agradeceu ao CCD Taragoña a súa iniciativa e apoio para facer posible o curso e tamén ao Concello pola aposta na formación dos futuros adestradores, que ao fin e ao cabo serán os responsables do futuro do noso deporte. O obxectivo da Escola de Adestradores é erradicar a crenza de que aos pequenos os adestra calquera e ensinar a formadores mais que a adestradores, dotándoos de ferramentas educativas que redunden na calidade da ensinanza deportiva e propicien o
desenvolvemento do fútbol.

Carlos Campaña , despois de agradecer a confianza da Federación e o apoio do Concello, explicou que o club está tentando recuperar o traballo no fútbol base, conseguindo este ano xa formar equipos de prebenxamíns, benxamíns e alevíns. Os seus adestradores son xogadores do primeiro equipo aos que esta formación lles virá moi ben na súa tarefa de aprendizaxe aos nenos/as.

Xusto Ordóñez rematou as intervencións recoñecendo o traballo que está a facer o CCD Taragoña na recuperación do Fútbol Base.

#monitor #futbolbase #ccdtaragoña #concelloderianxo