Deportes

- Curso Federativo de Monitor de Fútbol Base - concelloderianxo

Actividades

Actualidade

Curso Federativo de Monitor de Fútbol Base

Rianxo vai acoller un Curso de Monitor de Fútbol Base, organizado pola Escola Galega de Adestradores e a Federación Galega de Fútbol, en colaboración do C.D. Unión e o Concello de Rianxo.

Na presentación deste curso participaron Adolfo Muíños, Alcalde de Rianxo, Joaquín Domínguez, Concelleiro de Deportes, Manuel Mosquera, Director da Escola Galega de Adestradores, Nelson Barreiro, vogal da Federación Galega de Fútbol (FGF) e Samir Sami Mátar, Presidente do Club Deportivo Unión.

O curso celebrarase no Auditorio Municipal e no Campo de Fútbol Municipal de Vilas (Asados), do 3 de outubro ao 22 de decembro, en sesións de luns e xoves, ata completar unhas 60 horas de formación en técnica, táctica, metodoloxía, regulamento, psicoloxía... que iniciarán aos alumnos no adestramento deportivo dirixido ás categorías de base. As sesións serán impartidas por adestradores de Nivel III da comarca (Néstor Romero, Iago Iglesias, Antonio Ríos “Vecho”, entre outros.

Na súa intervención, Adolfo Muíños agradeceu ao C.D. Unión a súa mediación ante a FGF para que este curso puidera celebrarse en Rianxo, ao tempo que lembrou que o Concello leva tempo apostando por unha formación deportiva de calidade nos clubs rianxeiros a través do Programa Deporte Base.

Joaquín Domínguez  destacou a excelente relación que o Concello de Rianxo  mantén co C.D. Unión, co que comparte filosofía e ideario do que debe ser o traballo cos pequenos deportistas. Tamén os felicitou pola súa iniciativa e agradeceu á FGF a confianza que pon en Rianxo para ser sede deste curso.

Nelson Barreiro debullou os aspectos organizativos do curso, engadindo que a Federación está apostando por traer á comarca do Barbanza actividades formativas, xa que este é o terceiro curso que se celebra, despois dos organizados na Pobra e en Boiro en anos anteriores. Referiuse tamén ás vantaxes que terán os participantes no curso xa que, de continuar a súa formación co Nivel I de adestradores, descontaránselle da matrícula os 150 € deste curso de monitor de fútbol base, ademais de non ter que pasar as probas físicas necesarias para o acceso ao nivel I e non ter que facer os tres meses correspondentes de prácticas.

Manuel Mosquera mostrou a súa satisfacción pola aposta das administracións pola formación dos futuros adestradores, que ao fin e ao cabo serán os responsables do futuro do noso deporte. O obxectivo da Escola de Adestradores é erradicar a crenza de que aos pequenos os adestra calquera e ensinar a formadores mais que a adestradores. Rematou anunciando que é probable que Barbanza sexa sede do curso de Nivel I de adestradores.

Samir Sami falou da vontade de colaboración do C.D. Unión con outras entidades para o desenvolvemento de actividades coma esta, ademais de manifestar o seu compromiso coa formación deportiva e futbolística dos rapaces/as da escola de fútbol.

As bases do curso e os formularios de inscrición estarán dispoñibles en breves días na páxina da Federación Galega de Fútbol, se ben tamén se poderá acadar información e formalizar a inscrición no Servizo de Deportes do Concello de Rianxo. A data limite de inscrición é o 22 de setembro.