Deportes

- IV Torneo EBO de Fútbol Base - Memorial Abel - concelloderianxo

Actividades

Actualidade

IV Torneo EBO de Fútbol Base - Memorial Abel

Presentouse no Salón de Plenos do Concello de Rianxo, o 30 de marzo, o IV Torneo EBO de Fútbol Base - Memorial Abel coa presenza de Adolfo Muíños, Alcalde de Rianxo, Roberto García, Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Secretaría Xeral para o Deporte, Samir Sami Matar, Presidente do C.D. Unión, Julio Mariño, Coordinador do C.D. Unión e Adrián Armental, xogador ribeirense de 2ª B (Coruxo C.F.) e padriño do Torneo.

Entre todos os presentes foron debullando a información do torneo que se celebrará no Campo Municipal de Fútbol (Vilas) os vindeiros 28 e 29 de maio de 2016, organizado polo C.D. Unión, e polo no que participarán, ademais de equipos de toda a comarca, o R.C. Celta de Vigo, o R.C. Deportivo da Coruña, o Villareal C.F., o Racing de Ferrol, o Porto C.F., C.D. Lugo...

Comenzou as intervencións Adolfo Muíños, Alcalde de Rianxo, destacando o salto cualitativo do Torneo ao longo dos anos, tanto a nivel organizativo coma de clubs participantes,  e que pon a Rianxo no mapa  fútbolístico galego durante esa fin de semana. Describiu o orgullo que para os rianxeiros supón o traballo e esforzo dos clubs, neste caso do C.D. Unión, en prol do desenvolvemento do deporte base. Rematou reiterando o apoio do Concello a esta e outras iniciativas do C.D. Unión e agradecendo a colaboración da Xunta de Galicia.

Roberto García, Xefe do Servizo Provincial de Deportes, mostrouse encantado de asistir aos eventos que se organizan na provincia e sinalou a importancia daqueles que inciden na formación de novos deportistas e no deporte base xa que "a formación é o mais importante, e os clubs deben ter os mellores adestradores nas categorías inferiores". Rematou agradecendo e recoñecendo o traballo que fai o C.D. Unión na organización deste torneo.

Julio Mariño, Coordinador Deportivo do C.D. Unión, falou das motivacións que levan ao C.D. Unión a embarcarse nun evento destas características. A primeira é o fomento de todos os valores que van asociados á práctica deportiva (respecto, traballo en equipo, esforzo...) e que pretenden transmitirlle aos mais cativos. A segunda é brindarlle aos deportistas do C.D. Unión e dos outros equipos a posibilidade de vivir experiencias deportivas ás que difícilmente terían acceso sen este torneo, podendo competir con equipos de alto nivel deportivo. Rematou agradecendo a disposición de Adrián Armental para apadriñar este torneo.

Samir Sami Matar, Presidente do C.D. Unión, agradeceu o apoio de todas as administracións (Concello, Xunta de Galicia e Deputación) e manifestou que era un orgullo para el, e para o C.D. Unión, organizar este Torneo para os nenos e para todo Rianxo.

Adrian Armental, agradeceu que se pensara en el para apradriñar este torneo e mostrouse moi orgulloso de formar parte deste proxecto. Felicitou a todos os que participan da organización e invitou a disfrutar aos nenos do deporte.