Servizos Sociais

- Axudas ao alugamento de vivenda do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 - Concello de Rianxo

INFORMACIÓN XERAL

Estrada de Tanxil 12, Rianxo

981 86 00 61

881 16 89 34

servizossociais@concelloderianxo.gal

Concellería de Servizos Sociais

luns - venres: 08:00 - 15:00

Os Servizos Sociais Comunitarios deste concello contan, para o seu desenvolvemento, con financiamento da Deputación Provincial da Coruña e da Consellería de Política Social e Xuventude.

SERVIZOS SOCIAIS

Axudas ao alugamento de vivenda do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021

O próximo día 30 de xullo de 2018 remata o prazo de presentación de solicitudes.

PRAZO DE SOLICITUDE: ata o 30 de xullo de 2018

OBXECTO DAS AXUDAS E CONTÍA

Trátase de axudas económicas ás persoas inquilinas para o alugamento de vivendas, de conformidade co Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, convocadas para a anualidade 2018, con carácter plurianual e nas seguintes liñas de actuación:

a) Liña A. Axuda ao alugamento de vivenda a sectores de poboación con escasos medios económicos. A contía da axuda será do 40 % da renda mensual que se deba satisfacer polo alugamento ou do 50 % no caso de persoas beneficiarias maiores de 65 anos.

b) Liña B. Axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente: axuda do 50 % da renda mensual destinada a persoas menores de 35 anos.

As axudas de ambas as dúas liñas concederanse por un prazo máximo de 3 anos e tramitaranse polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


PERSOAS BENEFICIARIAS

1) Requisitos específicos da liña A: persoas físicas maiores de idade que na data de presentación da solicitude sexan titulares, en condición de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. En caso de empate, terán prioridade colectivos determinados: familias numerosas; unidades familiares monoparentais con cargas familiares; unidades de convivencia con persoas con discapacidade, afectadas por situacións catastróficas ou execución hipotecaria da vivenda habitual, vítimas de violencia de xénero, terrorismo ou nas que algunha persoa asuma a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente dalgunha menor orfa por violencia de xénero.

2) Requisitos específicos da liña B: persoas físicas maiores de idade e con menos de 35 anos na data de presentación da solicitude desta axuda, que sexan titulares ou estean en condicións de subscribir, en condición de persoa arrendataria, un contrato de alugamento de vivenda, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

3) Requisitos comúns ás dúas liñas de axudas:

  • A persoa beneficiaria deberá posuír a nacionalidade española; no caso de que sexa estranxeira, deberá ter a residencia legal en España.
  • Que a vivenda arrendada constitúa ou vaia constituír a residencia habitual e permanente da persoa beneficiaria durante todo o período polo que se conceda a axuda. Para estes efectos, as persoas integrantes da unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude ou, tratándose de axudas da liña B, no momento da presentación do contrato, para o caso de que este non se achegase coa solicitude.
  • Que a renda mensual da vivenda que teñen alugada ou vaian alugar non supere os importes establecidos no artigo 6 da orde. No caso de vivendas situadas no Concello de Rianxo o importe é de 300 €/mes.
  • Que os ingresos das persoas que compoñen a unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 2,5 veces o IPREM(1). Este límite será de 4 veces o IPREM se a unidade de convivencia é unha familia numerosa de categoría xeral ou ten persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas, mentres que o límite será de cinco 5 veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con algún dos seguintes tipos de discapacidade (2).
  • Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,7 veces o IPREM.
  • Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
  • Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da unidade de convivencia non estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como que non se lles teña revogada, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda, deste ou dun plan de vivenda anterior, por causa imputable a algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia.

 

Requisito de ingresos da unidade de convivencia, agás casos especificados nas columnas B) e C)
B) Familia numerosa de categoría XERAL ou persoas con discapacidade (distinta da sinalada na columna C):
C) Familia numerosa de categoría ESPECIAL ou persoas con algún dos seguintes tipos de discapacidade (2)
Ingresos mínimos:
0,7 veces IPREM
Ingresos máximos:
2,5 veces IPREM
Ingresos mínimos:
0,7 veces IPREM
Ingresos
máximos:
4 veces IPREM
Ingresos mínimos:
0,7 veces IPREM
Ingresos
máximos:
5 veces IPREM
5.263,71€
18.798,97€
5.263,71€
30.078,36€
5.263,71€
37.597,95€


(1) IPREM anual (14 pagas): 7.519,59 €

(2) Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %, ou no caso de discapacidade física ou sensorial será preciso un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

4) Non poderá concederse a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia se atope nalgunha das situacións que a seguir se indican:

  • Ser propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou dalgún membro da súa unidade de convivencia.
  • Que teña parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora da vivenda.
  • Que sexa socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.
  • Que sexa arrendataria dunha vivenda xestionada polo IGVS.


EFECTOS ECONÓMICOS

1. Liña A, axuda ao alugamento da vivenda: a axuda terá carácter retroactivo nos seguintes termos:

  • Naqueles casos nos que se dispoña dun contrato con efectos económicos anteriores ao 1 de xaneiro de 2018, a axuda terá efectos dende o 1 de xaneiro de 2018.
  • Para os contratos asinados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018 e, en todo caso, con anterioridade á data de presentación da solicitude, a axuda terá efectos dende a data dos efectos económicos do contrato.

2. Liña B, axuda á mocidade: a axuda terá carácter retroactivo á data que corresponda en atención aos seguintes criterios:

  • Naqueles casos nos que se presente un contrato con efectos económicos anteriores ao 1 de xaneiro de 2018, a axuda terá efectos dende o 1 de xaneiro de 2018.
  • Para os contratos asinados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018 e antes da data de presentación da solicitude, a axuda terá efectos dende a data dos efectos económicos do contrato.
  • Naqueles casos nos que coa solicitude non se presente o contrato, a resolución de concesión quedará condicionada a que dentro dos dous meses, contados dende a data de notificación da resolución de concesión se achegue o citado contrato e o certificado de empadroamento. No caso de presentar esta documentación, a axuda aboarase dende a data dos efectos económicos do contrato.
    Se o contrato que se presente fóra de data anterior ao da solicitude, a data de alta na vivenda das persoas que integran a unidade de convivencia que consten no certificado de empadroamento deberá ser igual ou anterior á do día de presentación da solicitude.

 
DOCUMENTACIÓN

  • Solicitude (Anexo I). No caso de persoas solicitantes da liña B que desexen acceder a un alugamento de vivenda e non dispoñan dun contrato no momento de presentar a solicitude, deberán indicar en cal das zonas territoriais se localizará a vivenda que se vaia alugar. No prazo de dous meses, desde a notificación da resolución de concesión, deberán presentar o contrato de alugamento xunto co certificado de empadroamento.​
  • Contrato de alugamento da vivenda, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.
  • Declaración das persoas integrantes da unidade de convivencia da persoa solicitante (Anexo II).
  • Compromiso de someterse ás condicións das axudas ao alugamento de vivendas (Anexo III).
  • Declaración da persoa arrendadora da vivenda obxecto do contrato de alugamento (Anexo IV).
  • Declaración responsable da persoa solicitante e das persoas integrantes da unidade de convivencia (Anexo V).
  • Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia. A data de alta das persoas integrantes da unidade de convivencia na vivenda obxecto do contrato deberá ser igual ou anterior á do día de presentación da solicitude da axuda, agás para o caso das persoas solicitantes da liña B (axuda á mocidade) que non presenten contrato no momento da solicitude. Neste caso, a data de alta na vivenda das persoas integrantes da unidade de convivencia que figure no xustificante de empadroamento conxunto deberá ser igual ou anterior á data de presentación do contrato.
  • De ser o caso, convenio regulador de nulidade, separación ou divorcio, ou sentenza que acredite que a persoa solicitante non ten o uso da vivenda familiar, así como a documentación acreditativa de estar ao día no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias, se for o caso, no caso das persoas separadas ou divorciadas.
  • Aquelas persoas que na solicitude indiquen que pertencen a algún dos colectivos preferentes especificados, deberán achegar documentación acreditativa da dita situación segundo se recolle nas bases da convocatoria.


PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
2. A solicitude en modelo impreso deberá dirixirse á área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo onde estea situada a vivenda

​Formulario de solicitude e anexos​​

 

MÁIS INFORMACIÓN

 

 

 

​​