Nas últimas semanas estase a rexistrar unha situación de escaseza de recursos hídricos que, aínda que non é crítica, leva ás autoridades e entidades xestoras a facer un chamamento á cidadanía para adoptar boas prácticas no consumo da auga da rede pública.
Segundo a información publicada pola Xunta de Galicia, non hai activadas alertas nin pre-alertas por seca na nosa demarcación hidrográfica. Con todo, a evolución hidrolóxica está a ser seguida con atención, e recoméndase aplicar medidas de aforro no uso doméstico da auga.
Estas recomendacións non implican, polo momento, a implantación de restricións nin prohibicións, mais pretenden sensibilizar a poboación e preparar o terreo ante posibles medidas futuras. Se a seca se agrava e se activa algunha fase de pre-alerta ou alerta por parte da Xunta, os concellos poderían adoptar disposicións adicionais, como a limitación de regos, baldeos ou o uso de duchas públicas.
Dende as entidades xestoras apélase á responsabilidade colectiva para facer un uso eficiente e sostible da auga, un recurso esencial que require do compromiso de todos e todas.