Normas do Feiron

Normas do Feiron - Festas da Guadalupe

Feirón - normas

XIV Feirón Mariñeiro

"A Feira de 1917"

Rianxo, 14 de setembro de 2017

Normas de participación

Queres participar no Feirón Mariñeiro de Rianxo? Consulta as condicións de participación en cada categoría.

Este ano as solicitudes presentaranse exclusivamente por correo electrónico, coa fin de poder optimizar o proceso de selección, ante a imposibilidade de garantir unha atención telefónica igualitaria por mor do incremento da demanda de participación ano tras ano.

Normas OBRIGATORIAS sobre ambientación

Todos os postos deberán estar ambientados segundo o tema da feira, que é o Rianxo, vila mariñeira, de primeiros do século XX.

Co cal, caben tanto vestimenta antiga coma mariñeira, ao igual que os elementos decorativos.

Valoraranse especialmente os produtos relacionados co mar.

Evitaranse especialmente elementos de plástico, con publicidade, ou de outras épocas.

Pódense admitir decoracións exóticas contemporáneas á ambientación do feirón, sempre que o tipop de produto ou actividade o xustifique, en semellanza aos mercaderes viaxeiros.

A non contemplación desta norma pode dar lugar á retirada da autorización para participar no feirón.

Quen pode participar?

  • artesáns profesionais

  • artesáns afeccionados de Rianxo

Horario

Apertura: 11.30 da mañá. Todos os postos deberán estar montados a esa hora.

Peche: a partir das 21.00 h e ata a hora que se desexe. Non se permitirá circular vehículos polo recinto ata esa hora. No caso de gran afluencia de xente, adiarase a hora un tempo prudencial.

Inscricións

Enviando solicitude a feiron@guadaluperianxo.org segundo o seguinte modelo:

IMPORTANTE: só se comunicará a participación ás solicitudes seleccionadas, en ningún caso se comunicará as solicitudes non estimadas.

Todas as solicitudes non cumunicadas antes do 19 de agosto pasarán a listaxe de agarda.

Responsabilidade

En todo caso, cada participante é responsable de ter en regra todos os permisos e licenzas que permitan a venda ambulante, a actividade económica, a distribución de produtos alimenticios, etc., así coma todos os seguros que poda precisar para o exercicio da súa actividade.

A organización non se fará responsable do incumprimento de leis ou normas por parte dos participantes, debendo asumir estes as consecuencias das posibles irregularidades cometidas.

Categorías

  1. Postos de artesanía

  2. Talleres

  3. Obradoiros

  4. Postos de gastronomía

  5. Animación

  6. Tabernas

1. Postos de artesanía

Por posto de artesanía enténdese aquel que expón produtos manufacturados e os ofrece á venda con ánimo de lucro.

Requirimentos de participación:

  • o artesán deberá traer o seu propio posto

  • cota a abonar: 5€ por metro lineal frontal ou fracción máis 10€ por participación

  • esta cantidade aboarase no mesmo día do feirón, no momento no que o posto estea montado

  • documento de alta do negocio ou de autónomos

Valorarase:

  • carta de artesán ou outros certificados de autenticidade

  • premios e recoñecementos

  • demostración do traballo no posto durante a exposición

  • participación en anteriores edicións do Feirón

  • ambientación e decoración do posto

 

2. Talleres

Por taller enténdese aquel posto de artesanía no que o artesán está a demostrar en vivo o proceso de manufactura dun produto, e cobra por realizar tal demostración.

Adicionalmente, pode vender o produto manufacturado.

Requirimentos de participación:

  • se realiza o taller de balde, estará exento do abono da cota por venda de produto

  • se cobra por realizar o taller, a organización estudará a proposta

 

3. Obradoiros

Un obradoiro é un posto no que se invita ao público a participar activamente na elaboración dun produto artesanal, cunha duración máis ou menos continuada ao longo do día.

A organización estudará as propostas e decidirá en base ao interese do obradoiro e ao orzamento dispoñible.

 

4. Postos de gastronomía

Por posto de gastronomía enténdese aquel que expón ou elabora produtos alimenticios e os ofrece para a súa venda ou consumo no momento.

Un caso especial destes postos son as tabernas, que responden a unha filosofía esencial de "viño e tapa", e réxense por unhas normas distintas (ver o apartado específico).

Requirimentos de participación:

  • o artesán deberá traer o seu propio posto

  • cota a abonar: 5€ por metro lineal frontal ou fracción máis 10€ por participación, a abonar no momento no que o posto estea montado

  • documento de alta do negocio ou de autónomos

  • carné de manipulador de alimentos ou licenza análoga da persoa responsable do posto.

Valoraranse:

  • carta de artesán ou outros certificados de autenticidade

  • premios e recoñecementos

  • elaboración "in situ" dos produtos

  • orixinalidade do produto


 

5. Animación

Por animación enténdese unha actividade dirixida á diversión do público, ben musical, teatral... e non á venda dun produto.

A organización estudará todas as propostas, en base ao interese pola proposta e o orzamento existente.


 

6. Taberna

Enténdese un tipo de posto especial que serve ao público produtos para o consumo no momento ao estilo dunha taberna tradicional, baixo a filosofía do "viño e tapa".

O número de tabernas autorizadas está estabelecido de antemán.

A organización estudará e valorará as solicitudes presentadas en base a uns parámetros que se deberán facer constar nunha proposta á hora da inscrición.

Requirimentos

  • todos os produtos servidos nas cantinas deben ser de orixe artesanal ou manufacturado. Non se admiten, polo tanto, produtos de fabricación industrial como licores.

  • as excepción aos requirimentos anteriores son as seguintes: augas minerais, cervexas a presión, elaborados a partir de refrescos: calimochos, sangrías... e tamén se permitirán augas e refrescos para so cativos, pero estes elementos non deberán estar visibles ao público, para evitar rachar co ambiente do feirón.

  • tratarase de disimular todos os elementos eléctricos necesarios, coma cociñas, xeeiras, billas... de forma que queden o máis ocultos posible de cara o público.

  • todas as cantinas estabelecerán mecanismos dirixidos a reducir a cantidade de lixo producida. Valorarase moi positivamente o uso de envases que non deixen residuo ou reciclables, e a recolección periódica por parte dos responsables dos residuos xerados arredor da taberna.

  • cota a abonar: 90 €

Valoraranse:

  • a especialización dos produtos ofrecidos

  • a orixinalidade e adecuación ao ambiente do feirón

  • que todos os produtos ofrecidos sexan de elaboración artesanal ou propia

  • a finalidade sociocultural dos organizadores e a divulgación da actividade social que realizan

  • a achega de animación propia ao feirón (música, baile, teatro...)

  • a orixinalidade do mobiliario e do espazo, especialmente evitando no posible que o espazo semelle unha "barra"

  • os mecanismos de redución de residuos, tanto nos soportes nos que se serven os produtos, como pola limpeza periódica dos arredores da cantina

  • a utilización de envases tradicionais ou substitutivos que os imiten

  • a participación previa no feirón e a antigüidade

Baremación:

  • especialización do produto ofrecido: especializar a taberna nun só tipo de bebida e un só tipo de tapa, aínda que se admiten variacións ao longo da xornada e variantes no tipo de produto para complementar ou adaptarse ás diferentes horas do día: (viño / café / licor, tapa / postre...).
  • orixinalidade do mobiliario e do espazo: disposición dos produtos e dos clientes orixinal e evitando a similitude cunha "barra"
  • ambientación e decoración do posto e dos integrantes coa temática do feirón
  • produtos artesanais ou de elaboración propia
  • servizo dos produtos: recipientes nos que se serve a comida e a bebida: materiais da época,  imitacións aceptables, recipientes alternativos (pan, tortas...) e evitando plásticos
  • finalidade social da entidade organizadora
  • divulgación no feirón da finalidade social: paneis explicativos...
  • inclusión de algún tipo de animación: música de ambiente, músicos, baile, teatro, figurantes...
  • mecanismos de redución de residuos e limpeza da contorna da cantina
  • ocasións nas que participaron en edicións anteriores do feirón