Campamento de verán 2025

O prazo de inscrición será do 16 ao 26 de maio, ambos incluídos. - Bases e calendario de inscrición no Campamento de Verán Rianxo 2025 - Concello de Rianxo

Campamento de verán 2025

Bases e calendario de inscrición no Campamento de Verán Rianxo 2025

O prazo de inscrición será do 16 ao 26 de maio, ambos incluídos.

Descrición

Campamento: Servizo de apoio á conciliación da vida familiar e laboral das familias do concello, cun programa de actividades socioeducativas, deportivas e de tempo libre.

Plan Madruga: Espazo de recepción e coidado dos nenos e nenas nas horas previas á actividade Campamento.

Servizo de transporte: Servizo de transporte para facilitar o desprazamento dos nenos e nenas participantes ao Campamento de Verán (non no Plan Madruga) dende as distintas parroquias de Rianxo ata as instalacións onde se desenvolverán as actividades. Establécense dúas liñas:

  • Liña 1: Leiro – Isorna – Asados, con destino final no IES Félix Muriel.

  • Liña 2: Araño – Taragoña, con destino final no CEP Brea Segade.

Este servizo é só para o Campamento de Verán, non para o Plan Madruga.

Calendario de actividades: Poderase realizar a inscrición ou ben para o campamento completo ou elixir un dos meses:

  • Completo: do 23 de xuño ao 29 de agosto.

  • Mes Xullo: do 01 ao 31 de xullo.

  • Mes Agosto: do 01 ao 29 de agosto.

Horario:

  • Campamento: de luns a venres, de 10.30 a 13.30 h (agás festivos)
  • Plan Madruga: de luns a venres, dende as 08.00 a 10.30 h (agás festivos).

  • Transporte: o horario de recollida nas paradas comunicarase nos días previos, unha vez se establezan as paradas en función dos usuarios.

Persoas Destinatarias: Nenos e nenas nados entre o 2013 e o 2021, ambos incluídos.

Lugar: IES Félix Muriel Rianxo– CEP Brea Segade Taragoña

Recorrido de servizo de transporte

  • Liña 1: Leiro – Isorna – Asados, con destino final no IES Félix Muriel. As paradas previstas serán as paradas do transporte escolar situadas nas estradas xerais: Brión, Abuín, Rañó, Cruce de Meiquiz, Rial, Palleiro, Quintáns, O Regueiro, Bacariza, Burés, A Marquesa, O Cruceiro, Atalaia, Montegrande, A Barraca e O Pazo, e o propio IES Félix Muriel.

  • Liña 2: Araño – Taragoña, con destino final no CEP Brea Segade. As paradas previstas serán as do transporte escolar localizadas nas estradas principais: Burés (cruce), Buía, As Miráns, Carballal, Cruce de Traba, Casilla, Pedriñas, Outeiro, Chorente, Campo de Pazos, Bar Central, Soto, Xordo e o propio CEP Brea Segade.

 

Prazas:

Campamento: 195

  • IES Félix Muriel: 120

  • CEP Brea Segade: 75

Plan Madruga: 60

  • IES Félix Muriel: 30

  • CEP Brea Segade: 30

Servizo de transporte: 108 prazas

  • Liña 1 (Leiro, Isorna, Asados): 54 prazas

  • Liña 2 (Araño, Taragoña): 54 prazas

Para a realización das actividades, Campamento e Plan Madruga, deber haber un grupo mínimo de 10 participantes. O número de prazas por instalación pode variar e/ou adxudicarse a outra instalación no caso de que non se acade ese número mínimo.

Para o servizo de transporte, é necesario un mínimo de 25 participantes por liña.

Para participar no Plan Madruga e no Servizo de transporte é obrigatorio participar tamén no Campamento de Verán.

Cota de Inscrición

Campamento

  • Completo: 120 euros

  • Un mes (xullo ou agosto): 60 euros

Plan Madruga:

  • Completo: 40 euros

  • Un mes (xullo ou agosto): 20 euros

Servizo de transporte

  • Completo: 100 euros

  • Un mes (xullo ou agosto): 50 euros

    ​​​​​DESCONTOS (só no servizo de campamento)

  • 2 irmáns inscritos no servizo

    • Completo: 110 euros

    • Un mes (xullo ou agosto): 55 euros

  • 3 ou máis irmáns inscritos no servizo, familias monoparentais e familias numerosas.

    • Completo: 100 euros

    • Un mes (xullo ou agosto): 50 euros

Criterios de prioridade

  1. Nenos/as empadroados/as ou cos proxenitores/titores legais empadroados no Concello de Rianxo, con necesidades xustificadas de conciliación por parte de ambos proxenitores ou do proxenitor/a que teña a custodia, e que se inscriban no campamento completo.

  2. Nenos/as empadroados/as ou cos proxenitores/titores legais empadroados no Concello de Rianxo, con necesidades xustificadas de conciliación por parte de ambos proxenitores ou do proxenitor/a que teña a custodia, que se inscriban en un dos bloques.

  3. Nenos/as empadroados/as ou cos proxenitores/titores legais empadroados no Concello de Rianxo e que se inscriban no campamento completo.

  4. Nenos/as empadroados/as ou cos proxenitores/titores legais empadroados no Concello de Rianxo, que se inscriban nun dos bloques.

  5. Non empadroados/as en Rianxo, con proxenitores/titores legais que traballen neste termo municipal e presenten necesidade de conciliación, e que se inscriban no campamento completo.

  6. Non empadroados/as en Rianxo, con proxenitores/titores legais que traballen neste termo municipal e presenten necesidade de conciliación, que se inscriban nun dos bloques.

  7. Resto de solicitantes.

Entendese por necesidades xustificadas de conciliación que os proxenitores/titores estean en condición acreditada de ocupación laboral, dependencia, atención a persoas dependentes ou participantes no sistema de educación ou formación regrada oficial.

No momento da inscrición marcarase a preferencia de localización e, para os efectos do sorteo, farase valer esa preferencia.

Documentación para a inscrición

  • Ficha de inscrición
  • Volante de empadroamento (ou autorización para a súa comprobación)
  • Xustificación das necesidades de conciliación:
    • por traballo dos proxenitores: certificado de empregado público, informe de vida laboral actual, alta na Seguridade Social ou certificado laboral de empresa.

    • no caso de divorcio ou separación, copia da custodia.

    • participantes no sistema de educación ou formación regrada oficial: copia de matrícula, certificado de estudos en vigor ou xustificante de participación emitido polo organismo.

    • por atención de persoas dependentes ou dependencia proxenitores: certificado de dependencia.

  • Certificado de familia monoparental
  • Título de familia numerosa

Calendario inscrición

  • Presentación de solicitudes: do venres 16 ao luns 26 de maio

  • Publicación listaxes solicitantes: martes 27 de maio

  • Presentación de reclamacións: martes 27 e mércores 28 de maio

  • Listaxes definitivas: xoves 29 de maio

  • Sorteo, no caso de ser necesario: venres 30 de maio

  • Matrícula e abono da cota: do luns 09 ao martes 17 de xuño

  • Publicación das listaxes de participantes e grupos: xoves 19 de xuño

  • Reunión de presentación: venres 20 de xuño

  • Inicio campamento: luns 23 de xuño

Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse do venres 16 ao luns 26 de maio (ambos incluídos), no rexistro do Concello de Rianxo, segundo o modelo Solicitude de inscrición no Campamento de Verán, e, preferentemente, de forma telemática (Sede electrónica - Procedementos e trámites - Servizos sociais - Solicitude de inscrición en actividades de conciliación).

Enlace a sede electrónica e ficha de inscrición:

Todas as solicitudes presentadas a partir do 26 de maio non participarán no sorteo, no caso de habelo, e irán, en orde de inscrición por data e hora, ao final da listaxe de reserva xerada por este.

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

Publicación listaxes de solicitantes e presentación de reclamacións/emenda de documentación

O día 27 de maio publicaranse na web do Concello a listaxe das persoas que solicitan praza no Campamento de Verán Rianxo 2025. Para estes efectos, a presentación da solicitude implica a autorización para a publicación do nome e apelidos do solicitante.

A emenda de documentación requirida ou as reclamacións a esta listaxe poderán presentaranse os días 27 e 28 de maio no Rexistro do Concello de Rianxo, preferentemente de forma telemática.

Adxudicación de prazas

A praza é persoal e intransferible.

A adxudicación pode ser:

  1. Por adxudicación directa, se ao remate do prazo de inscrición (26 maio) a demanda non supera o número de prazas dispoñibles:

  • Primeiro adxudícanse as prazas aos solicitantes en prazo.

  • No caso de non cubrirse, as prazas restantes, ata completar as 195 dispoñibles, cubriranse coas solicitudes feitas a partir do 26 de maio, por orde de inscrición en data e hora.

  • Unha vez cubertas as prazas totais pasarán a formar parte dunha listaxe de reserva.

    Por sorteo, empregando medios informáticos, no suposto de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles. O sorteo realizarase seguindo os criterios de prioridade e a preferencia de instalación. O sorteo xerará tamén a listaxe de reserva.

As solicitudes dos irmáns poderán vincularse para participar no sorteo de xeito conxunto, cun único número. De non facelo, cada irmán participaría participará de forma independente co seu propio número.

O día 29 de maio publicaranse na web do Concello de Rianxo as listaxes das persoas admitidas e as de agarda.

Pagamento

As persoas participantes seleccionadas deberán realizar o pagamento entre os días 09 ao 17 de xuño, ambos incluídos.

Para realizar o pagamento, o Concello facilitaralles un recibo, o cal poderán recollelo presencialmente no Centro Sociocultural Auditorio de Rianxo, ou solicitar o seu envío por correo electrónico ou mensaxería instantánea.

En caso de non realizar o pagamento:

  • Se existe lista de reserva, perderase automaticamente a praza, que será cuberta coa seguinte persoa na reserva.

  • Se hai praza dispoñible, poderase efectuar o pagamento do recibo coa actualización do recargo correspondente.

Documentación (só no caso de ser necesaria)

A seguinte documentación deberá presentarse unicamente cando sexa requirida, mediante presentación no rexistro do Concello:

Renuncia a praza obtida

No caso de que se obteña praza e finalmente non se vaia facer uso dela, deberá comunicalo por escrito, ben mediante rexistro do concello ou correo electrónico a campamento@concelloderianxo.gal, ata o 17 de xuño.

No caso de que non comunique a renuncia a praza, deberá realizar o aboamento do recibo.

Adxudicación de prazas ás listaxes de reserva

As vacantes que se produzan por non presentar a documentación, por presentala fóra do prazo establecido ou por renunciar á praza obtida no sorteo, seranlles ofertadas, seguindo a orde da listaxe de reserva, ás persoas suplentes, do mesmo grupo de idade que a praza vacante. Esta adxudicación comunicarase mediante unha chamada telefónica. Para os efectos de determinar o grupo, utilizaranse os publicados o día 19 de xuño.

Chamarase á persoa interesada un mínimo de tres veces durante o prazo que vai desde o día que se produce a vacante ata as 14:00 h do día seguinte. De non contactar coa persoa interesada, esta pasará ao final da listaxe e chamarase á seguinte.

Unha vez recibida a comunicación e aceptada a praza, deberán presentar a documentación no prazo de 48 horas. No caso de non presentar a documentación nese prazo, a praza ofreceráselle á seguinte persoa da listaxe de espera.

A xestión da listaxe de reserva farase exclusivamente desde a Oficina de Xuventude.

Formación de grupos

Os grupos formaranse segundo data de nacemento. Só excepcionalmente, e de forma xustificada e documentada, valorarase a posibilidade de facer o cambio de grupo.

Devolución da cota

Unha vez obtida a praza e aboado o prezo correspondente, se a persoa interesada non puidera asistir á actividade, deberá solicitalo mediante rexistro antes de que remate o período de inscrición (17 de xuño).
As solicitudes de devolución da cota presentadas fóra do prazo establecido serán denegadas, independentemente da causa xustificativa alegada.

Comunicación coas familias

Todas as comunicacións do proceso de inscrición realizaranse a través da páxina web: https://concelloderianxo.gal/campamento2025.

Non se realizaran avisos individuais, nin por correo electrónico nin por teléfono.

Unha vez comece o campamento, as comunicacións precisas realizaranse:

  • na páxina web https://concelloderianxo.gal/campamento2025

  • nos grupos de difusión de whatsapp e grupos de difusión de telegram. A comezos do campamento publicaranse na páxina web os enlaces para unirse aos grupos.

Asemade, habilitarase un teléfono ao que as familias poden dirixirse para deixar avisos, que se fará público no comezo do campamento.

Queixas e suxestións

As persoas participantes poderán presentar por escrito todas as suxestións ou reclamacións que consideren oportunas durante o desenvolvemento do Campamento de Verán Rianxo 2025 ou no momento do seu remate.

Igualmente, poderán deixar constancia do grao de satisfacción obtido coa actividade desenvolvida e todos os comentarios ou suxestións que queiran facer ao respecto, para o que deberán cubrir o formulario de enquisa que se lles facilitará ao rematar ao campamento.

Imaxes

A participación nesta actividade poderá comportar a captación de imaxes, fotografías, vídeos, vídeos con voz, material gráfico, etc. (en diante, “imaxes”) da persoa participante na actividade, e a súa publicación a través dos medios de difusión corporativos das iniciativas e actividades do Concello de Rianxo, tales como páxinas web, redes sociais, álbums, informes/documentos derivados da actividade e noutros medios de comunicación social. Debe autorizar ou rexeitar a devandita captación e publicación de imaxes, que se entenderá feita a título gratuíto e sen límite temporal, no formulario de inscrición.

Protección de datos

Os datos persoais pasarán a formar parte dun ficheiro electrónico propiedade do Concello de Rianxo coa única finalidade de proceder á inscrición na actividade para a que se proporcionan os datos.

Serán unicamente cedidos á empresa adxudicataria os datos identificativos e de contacto dos participantes, así como aqueles datos de saúde ou observacións necesarios para o bo desenvolvemento da actividade.

Pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, portabilidade e supresión dos seus datos e os de limitación e oposición ao seu tratamento dirixíndose ao Concello de Rianxo, Praza Castelao, 1, 15920 Rianxo, correo electrónico dpd@concelloderianxo.gal, ou mediante o procedemento habilitado para o efecto da Sede Electrónica: sede.concelloderianxo.gal. Se considera que o tratamento non se axusta á normativa vixente, poderá presentar unha reclamación perante a autoridade de control en www.aepd.es. Datos de contacto do delegado de protección de datos: Ramón Santos Pérez, dpd@concelloderianxo.gal