Veciños e veciñas, a autorización de impacto ambiental da Xunta de Galicia á megacelulosa de Altri representa unha grave ameaza para o territorio, para o noso medio de vida e o para o noso futuro.
A planta de Altri consumirá unha cantidade desmesurada de auga do río Ulla –máis que toda a provincia de Lugo – e prevé verter ao mesmo río 30 millóns de litros de auga ao día. Isto porá en risco a calidade das augas da ría de Arousa, afectando directamente ao sector mar-industria, o cal miles de postos de traballo directos e indirectos na nosa zona e supón un piar fundamental da economía da nosa bisbarra.
Por se todo iso fose pouco, o impacto negativo deste proxecto tamén pon en perigo explotacións agrogandeiras que producen alimentos de calidade e impulsará aínda máis o monocultivo do eucalipto, agravando a perda de biodiversidade e aumentando o risco de incendios forestais.
Polo anterior, insto á veciñanza a mobilizarse contra este proxecto e a participar na manifestación que terá lugar o sábado 22 de marzo ás 12:00 horas na Pobra do Caramiñal.