Novas Tecnoloxías

​​​​​​​A feira do videoxogo Rianxo Gaming 2026 converterá a Praza Castelao no gran punto de encontro do videoxogo e da cultura dixital o vindeiro 11 de xullo - Rianxo Gaming 2026 - Concello de Rianxo

INFORMÁTICA

Aula de Informática

Centro Sociocultural - Auditorio
Rúa dos autores da Rianxeira, Rianxo

981 100 688 - 667 18 55 77

informatica@concelloderianxo.gal

luns a venres: usos programados baixo reserva

NOVAS TECNOLOXÍAS

Rianxo Gaming 2026

​​​​​​​A feira do videoxogo Rianxo Gaming 2026 converterá a Praza Castelao no gran punto de encontro do videoxogo e da cultura dixital o vindeiro 11 de xullo

A Praza Castelao de Rianxo acollerá o vindeiro 11 de xullo unha nova edición do Rianxo Gaming 2026, unha xornada gratuíta dedicada ao lecer dixital que reunirá competicións de videoxogos, espazos de realidade virtual, zona retro, actividades para todos os públicos, música en directo e unha ampla oferta de entretemento desde as
11:00 ata as 22:30 horas.

O evento, consolidado xa como unha das citas de referencia do lecer dixital en Galicia, ten como obxectivo achegar a cultura do videoxogo a persoas de todas as idades, combinando a competición con actividades divulgativas e propostas de carácter familiar.

Ao longo de toda a xornada, as persoas asistentes poderán gozar dunha ampla programación de torneos que inclúe títulos tan populares como o Rocket League, Mario Kart, Brawl Stars e EA Sports FC 26, ademais de competicións retro de Tekken 4, Call of Duty: Black Ops II, Pokémon Stadium e Dragon Ball Z: Budokai Tenkaichi III. Estes torneos retransmitiranse en directo nunha pantalla xigante cos comentarios de Tai Beatbox.

Aos torneos da xornada engádense varios torneos nas xornadas previas, desde o mércores 8 de xullo, de Super Smash Bros Ultimate, Clash Royale e Fortnite Recarga coa colaboración dalgúns locais de hostalaría locais.

Ademais das competicións, Rianxo Gaming contará cunha gran zona de actividades permanentes nas que o público poderá desfrutar de máquinas arcade, videoxogos retro, VR Arena, zona PC, xogos de mesa, espazo indie, música, postos comerciais e unha espectacular exhibición da Whoop League Drones, ofrecendo unha experiencia completa tanto para afeccionados como para quen queira achegarse por primeira vez ao mundo dos videoxogos.

A programación comezará ás 11:00 horas coa apertura do recinto e continuará co seguinte calendario de actividades:

11:30 h – Torneo de Rocket League.
12:30 h – Torneos de Tekken 4 e Call of Duty: Black Ops II.
13:00 h – Podcast en directo de Recuncho Gamer.
16:00 h – Torneo de Mario Kart.
16:30 h – Torneos de Pokémon Stadium e Dragon Ball Z: Budokai Tenkaichi III.
17:00 h – Torneo de Brawl Stars.
18:00 h – Torneo de EA Sports FC 26.
20:30 h – Entrega de premios.
21:30 h – Actuación musical de Akawave, como peche final da xornada.

O principal obxectivo do evento é seguir promovendo o videoxogo como unha ferramenta de lecer, socialización e cultura, creando un espazo aberto no que convivan distintas xeracións arredor dunha mesma afección.

Nesta edición, Rianxo Gaming reforza tamén o seu compromiso coa promoción da cultura dixital en Galicia, dando visibilidade tanto aos videoxogos clásicos como ás novas tecnoloxías e ás iniciativas impulsadas por empresas, asociacións e colectivos do sector.

Grazas á súa proposta diversa, gratuíta e aberta a toda a cidadanía, Rianxo Gaming 2026 agarda reunir centos de participantes e visitantes durante unha xornada que volverá situar a Rianxo como un dos referentes galegos na promoción do lecer dixital.

Toda a información sobre as distintas actividades está dispoñible no perfil do Instagram específico do evento @rianxogaming: https://www.instagram.com/rianxogaming/

INSCRICIÓNS NOS TORNEOS

 · Inscricións nos torneos principais (Rocket League, Super Mario Kart 8 Deluxe, EA Sports FC 26, Brawl Stars): 
https://forms.gle/r8nnEA1Qvv8i7UpT9

 · Inscricións nos torneos previos (Super Smash Bros Ultimate, Clash Royale, Fortnite Recarga (en liña)):
​​​​​​​https://forms.gle/iY1XUPFYGFfSBBto8

 · Inscrición nos torneos retro (Tekken 4, Call of Duty: Black Ops II, Pokémon Stadium e Dragon Ball Z: Budokai Tenkaichi III): inscricións na propia xornada

O evento está organizado e patrocinado polo Concello de Rianxo e conta coa produción de Lua Gaming.

​​​​​​​PARTICIPANTES

Participan  Counter Slime, Volvemos a Primera producciones, Beest 3D Galicia, Vella Escola Cultura Urbana, Recuncho Gamer, Asociación A Moreniña, Galicia Whoop League e os estudios dos xogos indie Golpes e Broucadas, Pis-to-le-ro e Fraga.

PATROCINAN E COLABORAN

O evento conta co patrocinio ou colaboración de Xanela a túa fibra, Creade Impresión Digital, Fibra Rianxo by Pizpireta Telecom, Librería Cándido, Ramón y Óscar Tubío, Rent Galicia Inmobiliaria, Kiosco José Ramón, Escola de Música de Rianxo, bar A Motora e bar Guadalupe.