Servizo de Deportes Servizo de Deportes

Casa da Cultura "Cuartel Vello"
Praza de Castelao, s/n.
15920 Rianxo. Localizar en Google Maps

981 86 63 81

981 84 36 29

deportes@concelloderianxo.gal

Concellería de Deportes e Patrimonio Histórico

Actualidade Actualidade

Atrás

Presentación da Carreira-Andaina Solidaria Castelo da Lúa

Hoxe presentouse a  Carreira-Andaina Nocturna Solidaria “Castelo da Lúa” que se celebrará o 20 de agosto a partir das 21:30 h. na Praza de Castelao, coa organización do Concello de Rianxo, Barbantia Roda e Club Atletismo Rianxo.

A presentación correu a cargo de Adolfo Muíños, Alcalde de Rianxo, María José Escurís, representante da SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí), Manuel Gómez, Presidente da S.D. Barbantia Roda e Jose Navarro, Director Deportivo de dita entidade.

Adolfo Muíños centrou a súa intervención no carácter solidario da proba, xa que o total do recadado coas inscricións e doazóns no DORSAL 0 será a beneficio de SOGAPS, co obxecto de axudar ao cumprimento dos seus obxectivos. Expresou a solidariedade de Rianxo e de toda Galicia coa causa do Pobo Saharauí e fixo un recoñecemento ás familias que acollen nenos e nenas saharauís durante os veráns.

Explicou que a Carreira - Andaina Nocturna ten un carácter popular, na que calquera persoa pode participar, pois os percorridos teñen un perfil e unha distancia accesibles a calquera estado de forma.
Rematou solicitando a participación de  veciñ@s, visitantes e afeccinoad@s ao deporte para que sexa unha grande festa deportiva ao tempo que se axuda a unha boa causa. Pódese colaborar participando na Andaina, na Carreira ou a través do Dorsal 0, facendo unha doazón polo importe desexado.

Manuel Gómez debullou os detalles da proba: categorías, distancias,... e explicou que se trata dun percorrido moi fácil e bonito que transcorre en grande parte pola beira do mar, desde a Praia da Torre, os restos do Castelo da Lúa, o Paseo Marítimo e o casco vello rianxeiro.

As inscricións poden formalizarse en EMEPORTS.ES ata o xoves 18 de agosto ás 24 h. A carreira ten un custe de inscrición de 5 € e a andaina 3€, excepto para os nen@as que é gratuíto. Dicir que a inscrición é obrigatoria e que na andaina, cos adultos poden participar os menores de calquera idade que o desexen.

María José Escurís, en representación de SOGAPS, agradeceu ao Concello de Rianxo e aos coorganizadores a iniciativa e explicou que para a asociación era unha dobre oportunidade xa que, ademais da axuda económica que se obterá, dará visibilidade á problemática do pobo saharauí e da grave situación que están a vivir, e que parece esquecida por boa parte da nosa comunidade.

Resaltou ademais que é importante para a poboación que vive nos campamentos saber que existe apoio no seu dereito a recuperar a terra e que non están sós nesta loita e rematou animando a tod@s a participar e correr contra esta inxustiza.

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS

Concello de Rianxo

EMESPORTS

DORSAL 0
A través de emesports.es ou na propia Praza de Castelao o día da proba.