O 28 de xuño conmemórase o Día Internacional do Orgullo LGTBI, una data de alcance mundial que celebra a diversidade e recorda a importancia de garantir os dereitos e liberdades de todas as persoas, con independencia da súa orientación sexual.
Esta xornada ten a súa orixe no feito ocorridos en 1969 no barrio neoiorquino de Stonewall, que marcaron un antes e un despois na reivindicación dos dereitos civís do colectivo LGTBI. Dende entón, esta data consolidouse como unha oportunidade para reflexionar, recoñecer os avances logrados e seguir construíndo unha sociedade onde a dignidade, a liberdade e a igualdade plena sexa unha realidade para todos.
Dende o Concello de Rianxo queremos reiterar o noso firme compromiso cos valores democráticos de igualdade, respecto, liberdade e dignidade. Reivindicamos o papel dos gobernos locais na promoción de entornos seguros, inclusivos e respectuosos, nos que a diversidade sexa comprendida como un valor compartido que enriquece a vida en comunidade.
É fundamental reforzar o papel das organizacións da sociedade civil, incluíndo as entidades LGTBI como axentes de transformación social garantindo a súa participación activa na elaboración e avaliación das políticas públicas. Así mesmo, consideramos esencial que as institucións actúen con determinación fronte aos discursos que promoven a intolerancia, establecendo mecanismos eficaces para previr e abordar posibles situacións de discriminación.
Se ben o Estado español foi un país pioneiro en políticas de igualdade, tamén hai que recoñecer que aínda persisten situacións de desigualdade, violencia e rexeitamento que teñen que erradicarse con decisión e responsabilidade institucional, abordando –de forma integral– a realidade específica das persoas LGTBI, que ademais son racializadas, migrantes, con diversidade funcional ou en situación de pobreza dado que elas experimentan formas agravadas de discriminación. Neste sentido, é imporante promover políticas que atendan estas circunstancias particulares con medidas de protección efectivas e proporcionais, sempre dende unha perspectiva centrada nos dereitos humanos e na cohesión social.
Segundo os datos recentes, aproximadamente a metade das vítimas LGTBI de agresións físicas, sexuais ou verbais rexistradas non denuncian estes incidentes debido, principalmente, ao medo ou á falta de confianza nos procedementos institucionais. Dende as entidades locais reiteramos o noso compromiso para xerar entornos de confianza, prever estas violencias e mellorar a resposta institucional fronte a calquera manifestación de odio ou discriminación.
Non podemos obviar, tampouco, que no contexto internacional asistimos con preocupación a retrocesos en materia de dereitos humanos que afectan directamente ao colectivo LGTBI. Os discursos de odio, a reversión de avances legais e a persecución institucional nalgúns países poñen en risco principios fundamentais que deben ser preservados pola comunidade internacional.
Así as cousas, é fundamental dotar da dotación orzamentaria específica e sostida aos gobernos locais para que poidan traballar en protocolos específicos para a atención integral a vítimas de agresións, así como en formación do persoal municipal e no desenvolvemento de campañas educativas e de sensibilización que promovan a convivencia, a tolerancia e o respecto a todas as persoas.
Dende o Concello de Rianxo instamos ao Goberno do Estado a garantir este financiamento, así como a cumprir e facer cumprir integramente a Lei 4/2023, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI e o RD 1026/2024, de 8 de outubro, pola que se desenvolve o conxunto planificado de medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTBI nas empresas.
Do mesmo xeito, instamos á Xunta de Galicia á actualización da Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia para adaptala a lexislación estatal recente.
Como mostra do compromiso do Concello de Rianxo coa defensa dos dereitos do colectivo LGTBI, durante a semana do 28 de xuño disporase nun lugar visible e prominente da Casa Consistorial a bandeira que actualmente serve como distintiva da loita do colectivo.