Declaracións e manifestos

- Declaración Institucional polo Día Mundial das Persoas Refuxiadas - Concello de Rianxo

Declaracións e manifestos

Declaración Institucional polo Día Mundial das Persoas Refuxiadas

O vindeiro 20 de xuño conmemórase o Día Mundial das Persoas Refuxiadas.

Segundo o último informe semestral de tendencias publicado por ACNUR, en xuño de 2024 máis de 120 millóns de persoas no mundo foran desprazadas por persecucións, conflitos, violacións dos dereitos humanos, violencia ou graves alteración da orde pública. En comparación co ano anterior, a cifra supón un aumento de máis de 5 millóns de persoas.

O número de persoas desprazadas pola forza mantívose ao alza nos últimos doce anos. Así, a finais do 2024 unha de cada 67 persoas no mundo fora desprazada pola forza, é dicir, practicamente o dobre que dez anos antes.

En relación ás persoas refuxiadas, segundo os datos recollidos no informe, a mediados do 2024 a cifra global de persoas refuxiadas ascendeu a 43,7 millóns, o que supón un incremento do un 1% dende finais do 2023.

Fai falta un esforzo concentrado da comunidade internacional para poñer fin aos conflitos, ás violacións de dereitos humanos e á crise climática, sen o cal continuarán subindo as cifras de persoas desprazadas, engadindo aínda máis miseria a unha situación xa de por si desesperada con incontables traxedias humanas.

Lonxe diso, o que está acontecendo é que a capacidade de resposta ante a situación que viven millóns de desprazados forzosos está sendo posta a proba pola proliferación de novos conflitos a través do planea que se engaden a outros conxelados. Os conflitos máis recentes teñen, ademais, unha amplitude e violencia descoñecidas dende a II Guerra Mundial: o devastados enfrontamento en Sudán, a implacable guerra en Ucraína, a axitación violenta en Myanmar, a indescritible violencia na República Democrática do Congo e, por suposto, o xenocidio en Gaza.

​​​Mentres se fai cada vez máis evidente a necesidade imperiosa de sistemas de asilo fortes e de unha maior solidariedade internacional, a maior parte das crises xeradoras de desprazamentos forzosos de poboación permanecen invisibles aos ollos da opinión pública. Moi ao contrario, véxase o acontecido recentemente coa intención do Goberno Central de venderlle armamento a Israel ou a claudicación e continuo branqueo do réxime marroquí, tamén por parte do Goberno Central, en relación co Sahara.

Neste contexto, a labor de entidades como Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, con programas como “Vacacións en Paz” resulta fundamental, aínda que insuficiente. A través deste programa e de outras actividades organizadas por esta e outras entidades, o pobo de Rianxo vén demostrando a súa solidariedade e hospitalidade, unha hospitalidade baseada nos principios da democracia e dos dereitos humanos que, a través desta declaración, queremos poñer de manifesto.

Á súa vez, e con este posicionamento, o Pleno da Corporación do Concello de Rianxo insta á Xunta de Galicia e ao Goberno Central a reforzar a estratexia de asilo e acollemento, con medios e recursos humanos adecuados. Ao mesmo tempo, insta ás sinaladas institucións a posicionarse de maneira clara e contundente na defensa da paz e na denuncia das violacións dos dereitos humanos. Neste senso, en relación á situación antes aludida do Sahara, cabe recordar a débeda histórica que mantén o Estado español, así como o dereito de autodeterminación do pobo saharauí internacionalmente recoñecido.

 

Esta declaración institucional aprobouse por unanimidade na sesión ordinaria do pleno da Corporación 08/2025 do 29 de maio de 2025