Cultura e Educación Cultura e Educación

Centro Sociocultural - Auditorio
Rúa Autores da Rianxeira
15920 Rianxo. Localizar en Google Maps

981 100 688

cultura@concelloderianxo.gal

Concellería de Cultura, Educación, Xuventude e Normalización Lingüística

luns: 08.00 - 15.00
martes - venres: 08.00 - 22.00
sábados: 10.00 - 14.00 / 16.00 - 20.00

Cultura e Educación Cultura e Educación

Atrás

Juana de Ibarbourou_DOCENCIA: obradoiro en Rianxo

Juana de Ibarbourou_DOCENCIA é un proxecto artístico-educativo aberto á participación de calquera persoa interesada na experimentación con poesía, danza, música e creación escénica, fundamentado na escritora uruguaia de ascendencia galega Juana de Ibarborou (1892-1979) Este proxecto vén de ser galardoado co I Premio “Luísa Villalta” de Proxectos Culturais pola Igualdade das áreas de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña e está producido pola aCentral Folque.

Juana_Docencia nace da performance Juana de Ibarborou_Inspiracións (2017), a cal integra no guión textos de escritoras de diferentes séculos (Rosalía de Castro, Juana de Ibarborou, Marina Oural). Conta en escena con Marina Oural (poesía e voz), Irene Álvarez Coto (danza) e Chefa Alonso (música), tres mulleres de diferentes xeracións que lideran as súas parcelas artísticas baixo a dirección escénica de Mónica Cofiño.

Partindo dun espectáculo nacido desde unha visión contemporánea, estas catro creadoras abren unha xanela á participación e experimentación artística a través de catro obradoiros abertos, que se desenvolverán en abril de 2018, para aprender e vivenciar como e desde onde as escritoras crean. Un dos bastións fundamentais deste proxecto de arte e educación sitúase no ecofeminismo: alén do propio corpo, unha das principais ferramentas escénicas coas que se traballa nos obradoiros son as fabas de Lourenzá (localidade de orixe da familia de Juana de Ibarbourou e lugar de nacemento da directora do proxecto, Marina Oural). A semente ‘galaica’ sobe desde a terra para a escena nunha viaxe imaxinaria para entroncar coa forza da arte desde a creación e a diversidade de mundos posibles compartidos. O pequeno é grande, identificado aquí na agricultura sostible e de proximidade que se tenta fomentar cun sentido de conservación do rural e implicación da súa poboación. Preténdese, na fin, sumar enerxía e voces que desde unha perspectiva de xénero liguen a arte como ferramenta de construción dun futuro máis xusto para os seres humanos, independentemente do seu xénero.

Juana_Docencia rematará coa posta en escena da performance Juana_Inspiracións o domingo 29 de abril no Auditorio Municipal de Vimianzo. Nesta representación estarán integrados na obra diversos achados artísticos xurdidos da experiencia dos obradoiros desenvolvidos nas semanas previas.
 

Cantos e como serán os obradoiros?
Serán tres sesións de traballo artístico colectivo e interdisciplinar de 12 horas en total.

Dúas das sesión, de 4 horas cada unha, están abertas á participación das persoas inscritas; a terceira, de 4 horas, é para traballo interno do equipo docente.

O número máximo de participantes por obradoiro é de 15 persoas.

A cada participante faráselle entrega de material didáctico con código QR que dará acceso a contidos multimedia.

A poesía, a danza, a música e a creación escénica son os piares que guiarán as aulas.


Onde e cando serán os obradoiros abertos ao público?

  • RIANXO. Auditorio Municipal; venres 13 (17 h - 22 h) e sábado 14 (16 h - 20 h) de abril.
  • OLEIROS. Centro Cultural A Fábrica; venres 20 (16 h - 20 h) e sábado 21 (16 h - 20 h) de abril.
  • ORTIGUEIRA. Teatro da Beneficiencia; luns 23 (16 h - 20 h) e martes 24 (16 h - 20 h) de abril.
  • VIMIANZO. Auditorio Municipal; venres 27 (16 h - 20 h) e sábado 28 (16 h - 20 h) de abril.


Cales son as condicións para participar?
A participación nos obradoiros é completamente gratuita. Só é necesario inscribirse previamente.

Os obradoiros de Juana_Docencia está abertos a todos os públicos e non se esixe ningún tipo de formación previa para participar,  aínda que se priorizará a participación activa de mulleres, adolescentes e de docentes e artistas das diferentes especialidades: música, poesía, teatro, danza, circo, artes plásticas…

É imprescindible que a persoa participante especifique na inscrición que recurso quere traballar no obradoiro: corpo, texto, voz, instrumento, interpretación… Pódese participar desde varias especialidades á vez, só é preciso enumeralas no momento de reservar a praza. Se es música ou artista plástica é imprescindible traer o material necesario da túa especialidade: un instrumento musical ou un obxecto sonoro, pinceis e pinturas, etc.

Priorizarase a participación das persoas censadas nos concellos participantes.

Como inscribirse e onde?
Chamando por teléfono ou escribindo aos enderezos electrónicos das áreas de cultura de cada un dos concellos.
Reserva xa a túa praza.

  • RIANXO. Tlf: Auditorio de Rianxo 981 100 688 (ext.1). Polas mañás // cultura@concelloderianxo.gal
    OLEIROS Tlf: Dpto. Cultura 981 610 000 // cultura@oleiros.org ou r.caparros@oleiros.org
    ORTIGUEIRA Tlf: 981 400 000 Dpto Cultura. Polas mañás // mlopez@concellodeortigueira.com
    VIMIANZO Tlf: 981 717 288 (Casa de Cultura) // cultura@vimianzo.gal

Dossier explicativo para a participación nos obradoiro