NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Casa do Concello
Praza Castelao, 1 (planta baixa, antigo xulgado)
15920 Rianxo

981 86 00 75

normalizacion@concelloderianxo.gal

https://www.facebook.com/SNLRianxo/

Concellería de Cultura, Educación, Xuventude e Normalización Lingüística

luns a venres: 08.00 - 15.00 h

 

Normalización Lingüística Normalización Lingüística

Atrás

Sinatura do protocolo de colaboración coa ARE para a campaña "EN RIANXO, AO NOSO XEITO"

Comeza a promoción da campaña de dinamización do comercio e da hostalaría rianxeira coa sinatura do protocolo de colaboración entre a ARE (Asociación Rianxeira de Empresarios) e o Concello de Rianxo.

Na mañá de onte celebrouse a sinatura deste protocolo de colaboración na Casa do Concello, coa presenza do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, o presidente da ARE, Luis Duro, a concelleira de Promoción Económia, Adelina Ces, a concelleira de Cultura e Normalización Lingüística, Raquel Abuín, e a técnica de normalización lingüística, Eva García.

 

O obxectivo desta campaña de dinamización é promover o uso da lingua galega como lingua vehicular e maioritaria nos establecementos comerciais e hostaleiros de Rianxo e dinamizar o sector económico rianxeiro.

 

Para a efectividade deste protocolo, o Servizo de Normalización Lingüística estará en contacto permanente coa ARE e cos establecementos comerciais e hostaleiros, facilitaralles asesoramento e recursos, e promoverá iniciativas que redunden na efectiva galeguización do sector.

 

Nunha primeira fase do proxecto, que terá continuidade nun futuro, prevense as seguintes accións:
  • Deseño dunha imaxe común que identificará os establecementos participantes.

  • Creación dun espazo web con recursos de utilidade para o sector hostaleiro e comercial (na propia web municipal, na sección de normalización lingüística).

  • Organización de charlas informativas e cursos de formación para o persoal dos establecementos adheridos.

  • Creación de recursos específicos para cada establecemento, asesoramento e corrección da súa publicidade, páxinas web e nas redes sociais.

  • Distribución de adhesivos promocionais da campaña que os establecementos colocarán en lugar ben visible nos seus escaparates.

  • Distribución de panos de mesa nos establecementos hostaleiros co lema da campaña e o agradecemento: “Grazas pola súa visita”.

  • Distribución de etiquetas e adhesivos nos establecementos comerciais para agasallos e felicitacións.

 

Aínda que inicialmente a sinatura do protocolo de colaboración se asinou coa ARE, serán tamén destinatarios desta campaña todos os establecementos comerciais e hostaleiros de Rianxo, aínda que non pertenzan á ARE, que deberán solicitalo ao SNL por escrito.

 

No acto de sinatura presentouse tamén a imaxe da campaña e mais o logo que exhibiran os establecementos comerciais e hostaleiros que se adhiran.