Servizos Sociais

ORDE do 18 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación, en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares, a través do programa Bono Concilia Familia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento BS412A). - Bono Concilia Familia para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares - Concello de Rianxo

INFORMACIÓN XERAL

Estrada de Tanxil 12, Rianxo

981 86 00 61

881 16 89 34

servizossociais@concelloderianxo.gal

Concellería de Servizos Sociais

luns - venres: 08:00 - 15:00

Os Servizos Sociais Comunitarios deste concello contan, para o seu desenvolvemento, con financiamento da Deputación Provincial da Coruña e da Consellería de Política Social e Xuventude.

SERVIZOS SOCIAIS

Bono Concilia Familia para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares

ORDE do 18 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación, en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares, a través do programa Bono Concilia Familia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento BS412A).

 

OBXECTO

Regular a concesión e convocar axudas económicas ás familias con nenos e nenas residentes en Galicia con nenas e nenos nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2022, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 8 de setembro de 2026.

Para os efectos desta orde, entenderanse como períodos de vacacións escolares os seguintes períodos do ano 2026:

Do 1 ao 7 de xaneiro.

Os días 16, 17 e 18 de febreiro.

Do 30 de marzo ao 6 de abril.

Do 20 de xuño ao 8 de setembro.

PERSOAS BENEFICIARIAS

Os pais/nais e as persoas titoras de nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2022, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia.

No suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena e/ou por necesidades en períodos de vacacións escolares, ambos pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor de familia monoparental terán que estar traballando. Para os efectos deste punto, as situacións de incapacidade permanente absoluta e gran invalidez equiparanse a esta situación. Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo en que esta se exerza efectivamente, acreditando que nese período de tempo lle corresponde a garda e custodia á persoa que solicita esta axuda, debendo presentar, nestes casos, cada pai/nai unha solicitude individual.

ACCIÓNS SUBVENCIONABLES

Para teren dereito ás axudas previstas nesta orde, as familias deberán acreditar encontrarse nun dos seguintes supostos:

a) Supostos de necesidades puntuais:

1. Enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual.

2. Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención do neno ou nena.

3. Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual que impidan a atención do neno ou nena.

4. Situacións puntuais de coidado de familiares, do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, sempre que impidan a atención do neno ou nena por parte da persoa coidadora habitual.

b) Necesidades de conciliación da vida persoal, familiar e laboral en períodos de vacacións escolares que se producen cando os centros educativos están pechados por vacacións sempre que ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor/a de familia monoparental non se poidan facer cargo da atención do neno ou nena por motivos laborais.

GASTOS SUBVENCIONABLES

Os seguintes gastos derivados dos medios empregados para a atención de nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2022:

1. Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar de forma temporal para o coidado do neno ou nena. 

2. Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.

3. Asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade, en concreto, atención en ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia previstos na sección quinta do capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

4. Asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares,  exceptuados os recollidos na Orde do 10 de marzo de 2026 pola que se regula a oferta de prazas para actividades xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2026 e se procede á súa convocatoria ( BS303A), e calquera outro organizado directa ou indirectamente por calquera Administración pública.

TIPO DE AXUDA, CONTÍA E COMPATIBILIDADE

Consistirá nunha achega que pode acadar un máximo do 100 % do custo das actuacións previstas no apartado anterior no caso de familias numerosas, familias monoparentais, familias acolledoras, familias con garda con fins adoptivos, familias en que un ou varios fillos ou fillas convivintes teñan unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 % ou familias vítimas de violencia de xénero, e ata un máximo do 75 % no resto dos casos, sempre cun límite:

De 500 euros por unidade familiar no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.

De 200 euros por cada neno ou nena no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.

Cada suposto de conciliación ao que dá cobertura esta orde poderá ser obxecto dunha axuda dentro das dispoñibilidades orzamentarias, pero só se poderá presentar unha única solicitude por neno ou nena, agás nos casos de custodia compartida, e só por un dos tipos de gasto subvencionable.

Compatibilidade:

A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, sen que poida superarse o custo do servizo recibido.

No caso de percibírense outras axudas deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

DOCUMENTACIÓN

Solicitude tramitación en liña BS412A dirixida ao departamento territorial da Consellería de Política Social e Igualdade da provincia onde teñan o seu domicilio.

Documentación xeral:

Copia do/dos libro/s de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

Copia da resolución xudicial, libro de familia ou certificado do Rexistro Civil en que conste a adopción ou certificado administrativo da garda con fins adoptivos, cando se trate de adopcións formalizadas por outra comunidade autónoma.

Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a situación de tutela, de ser o caso, só cando se trate de tutelas formalizadas por outra comunidade autónoma.

Copia da resolución administrativa de acollemento familiar, de ser o caso, cando se trate de acollementos formalizados por outra comunidade autónoma.

Certificado de monoparentalidade, de ser o caso, cando fose expedida por outra comunidade autónoma.

Sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais, nos casos de familias con custodia compartida ou formadas por unha soa persoa proxenitora como consecuencia de separación legal, divorcio ou outras situacións análogas.

Copia do título de familia numerosa cando fose expedido por outra comunidade autónoma.

Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla conviventes cando fose expedido por outra comunidade autónoma.

Acreditación da solicitante, de ser o caso, da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:

Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia da propia orde de protección ou da medida cautelar autenticada polo letrado ou letrada da Administración de xustiza.

Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia de xénero.

Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

Certificado de afiliación a Mutualidad General Judicial (MUXEXU) ou Instituto Social de las Fuerzas Armadas (ISFAS) da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

Documentación acreditativa da causa que dá dereito á axuda:

Xustificante médico acreditativo da situación de enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual, de ser o caso.

Documento acreditativo da asistencia á entrevista ou curso no que conste expresamente a data e horas da súa celebración, no caso de asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación.

Se é o caso, xustificante médico acreditativo da situación que dá lugar á necesidade de coidado, e documentación acreditativa do parentesco co neno ou nena ou coa persoa coidadora habitual.

Se é o caso, resolución da declaración de incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez 

En caso de situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual, declaración responsable do/da solicitante coa descrición breve da situación e indicación da súa duración.

Documentación específica acreditativa da actuación realizada:

No caso de contratación de servizos de atención a domicilio, de servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade ou de recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares, achegaranse:

Facturas (ou documentos de valor probatorio equivalente), dos gastos realizados, onde consten expresamente a identificación co nome, apelidos e documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa que figure como solicitante da axuda no anexo I, e do/dos neno/s ou nena/s que recibe/n o servizo e o/os día/s en que se prestou. 

Xustificantes que acrediten o pagamento da factura:

Para pagamentos iguais ou superiores a 1.000 euros, xustificante bancario.

Para pagamentos inferiores a 1.000 euros, xustificante bancario ou facturas/documentos de valor probatorio equivalente debidamente asinadas e seladas pola empresa que conteñan a palabra «pagado».

No caso de contratación dunha persoa empregada do fogar achegarase: 

Contrato de traballo onde consten expresamente o período de contratación, o seu obxecto como coidado de menores e o intervalo horario en que se presta o servizo.

Xustificantes bancarios do pagamento do salario e das cotas da Seguridade Social.

PRAZO

Un mes, que comezará ás 9.00 horas do día 9 de setembro de 2026 e finalizará o día 9 de outubro de 2026 ás 14:00 horas.

Estas axudas tramitaranse baixo o réxime de concorrencia non competitiva, ata o esgotamento do crédito asignado.