Educación e Cultura

- Pase aberto de Continente María - Concello de Rianxo

INFORMACIÓN XERAL

Centro Sociocultural - Auditorio
Rúa dos autores da Rianxeira s/n, Rianxo

981 100 688

cultura@concelloderianxo.gal

Concellería de Cultura, Xuventude, Educación e Normalización Lingüística

horario de inverno:
​​​​​​​luns: 08.00 - 15.00
martes - venres: 08.00 - 22.00
sábados: 10.00 - 14.00 / 16.00 - 20.00

horario de verán:
luns - venres: 08.00 - 14.00
​​​​​​​sábados: 10.00 - 14.00

Educación e Cultura

Pase aberto de Continente María

O vindeiro venres 13 de maio, ás 21.00 horas, realizarase na sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo un pase aberto da nova produción teatral Continente María, unha coprodución de Ainé Producións con A Quinta do Cuadrante, o Concello da Coruña e o Centro Dramático Galego.

Esta compañía forma parte do programa de residencias do Concello de Rianxo, no que levan xa varias semanas facendo uso da sala Arcos Moldes para a preparación desta nova produción.

DURACIÓN: 75 minutos aproximadamente

PÚBLICO DESTINATARIO: a partir de 14 anos

A entrada é gratuíta previa reserva de localidades en www.concelloderianxo.gal/reservas ​​​​​​​. A reserva é efectiva cando se confirme dende o auditorio é non é inmediata.

No caso de quedar localidades dispoñibles, poden solicitarse na billeteira do auditorio dende media hora antes do comezo do pase aberto.

Neste ano 2022 celebramos o centenario do nacemento dunha das galegas máis universais: a actriz María Casares, nada na Coruña o 21 de Novembro de 1922 e que, despois de sufrir o exilio tralo golpe de estado fascista no ano 1936, convértese na grande actriz da súa época en Francia.
Partindo do seu estudo e dun intenso traballo documental sobre a súa vida e as súas circunstancias, armamos un espectáculo que permita achegármonos á nosa historia recente dun xeito reflexivo, dinámico, vitalista e crítico.
Continente María nace coa idea de servir como homenaxe á súa figura desde a terra que a viu nacer, utilizando o mesmo medio que ela decidiu habitar até os seus últimos días: o teatro.
Continente María é un espectáculo no que se unen teatro, poesía e música para confrontarnos coa memoria recente do noso país a través da inmersión na personalidade de María Casares e na súa historia de vida, que simboliza como poucas o exilio, pero tamén a resiliencia e a procura dunha vida plena a pesar de todas as dificultades dunha existencia atravesada polos grandes conflitos do século XX.
Para a creación de Continente María reunimos un equipo artístico internacional que nos permita achegarnos a María Casares desde unha perspectiva contemporánea e atractiva para todo tipo de públicos.