Campamento de verán 2025

Campamento de verán 2025 - Concello de Rianxo

Campamento de verán 2025

O campamento comezará o vindeiro luns 23 de xuño ás 10:30 h, nas seguintes instalacións: IES Félix Muriel de Rianxo, CEP Brea Segade de Taragoña e CEIP Ana Mª Diéguez de Asados.

É aconsellable que as nenas e nenos leven:

  • Auga (coa botella identificada co nome)
  • Merenda, xa que haberá tempo de recreo
  • Roupa cómoda e viseira
  • Crema solar protectora botada antes de chegar ao campamento (recoméndase aplicala a diario)

Entradas e saídas

Durante os primeiros días, as monitoras estarán situadas nas zonas de acceso co cartel identificativo do número do grupo. As nenas e nenos deberán dirixirse directamente ao seu grupo correspondente.

As familias deberán agardar na zona habilitada, evitando aglomeracións.

Pídese ás familias puntualidade para garantir o bo funcionamento do campamento.

Zonas de acceso por centro:

  • CEP Brea Segade (Taragoña): entrada principal, zona cuberta
  • CEIP Ana Mª Diéguez (Asados): pavillón deportivo
  • IES Félix Muriel (Rianxo): escaleiras do pavillón

Acompañamento inicial:
Como medida de adaptación, os nenos e nenas nados en 2020 e 2021 poderán acceder ao recinto acompañados por un adulto durante os primeiros días.

Cambios de horario e ausencias
Pregamos que, na medida do posible, se respecte o horario completo do campamento. Porén, se precisan entrar máis tarde, saír antes ou se teñen previsto ausencias, especialmente no caso de situacións habituais ou planificadas (como participar noutras actividades, non asistir un día fixo á semana, irse de vacacións, etc.), agradecemos que informen ao monitorado con antelación. Deste xeito, poderemos estar localizados no momento de recoller ou deixar aos nenos e nenas.

En caso de que as instalacións estean pechadas, poderán chamar ao teléfono do campamento para que o equipo lles vaia abrir.

Saídas non acompañadas:
Non está permitido que as nenas e nenos saian do centro sós, agás que as familias o comuniquen por escrito. Igualmente, será necesario informar por escrito no caso de que só poidan ser recollidos/as por determinadas persoas.

Plan Madruga

O servizo do Plan Madruga estará dispoñible a partir das 08:00 h, segundo as necesidades familiares. Se se vai acceder máis tarde das 10:15 h, recoméndase entrar directamente no horario xeral do campamento. O plan madruga desenvolverase en:

  • IES Félix Muriel: pavillón polideportivo
  • CEP Brea Segade: auditorio do centro (1ª planta)

Saídas e outras actividades

Durante o campamento organizaranse diversas actividades culturais, visitas e saídas, que se comunicarán con antelación a través das canles habilitadas.

En ocasións, estas actividades poden implicar un cambio na instalación de recollida, sendo esta noutros espazos como o Auditorio, Centros Culturais, etc. o cal tamén se comunicará previamente.

A Romería de Fin de Campamento celebrarase o sábado 30 de agosto, no Parque da Santa Lucía de Asados. Haberá xogos, inchables, e actuacións, como a de Uxía Lambona e a Banda Molona.

AVISOS E COMUNICACIÓNS

Teléfonos de contacto para calquera aviso relacionado co campamento:
📞 674 041 412
📞 664 181 401
📧 campamento@concelloderianxo.gal

🌐 concelloderianxo.gal/campamento2025

📲 Lista de difusión por WhatsApp:
Garda nos teus contactos o número 664 181 401 (Xuventude Rianxo) e envía unha mensaxe solicitando ser incluído/a, indicando tamén a instalación na que estás interesado/a.

📢 Canal de Telegram:
Subscríbete ao enlace correspondente ao teu campamento:

  • Asados: t.me/CampaAsados2025
  • Rianxo: t.me/CampaRianxo2025
  • Taragoña: t.me/CampaTaragona2025

Publicación dos grupos de Campamento

A reunión informativa terá lugar o venres 20, ás 12.00 h, no Centro Sociocultural Auditorio de Rianxo

​​​​​​​

Publícanse os grupos do campamento, organizados segundo a data de nacemento das persoas participantes. Só de forma excepcional e debidamente xustificada se valorará a posibilidade de realizar un cambio de grupo.

A reunión informativa terá lugar o venres 20, ás 12.00 h, no Centro Sociocultural Auditorio de Rianxo. No caso de non poder asistir, ao rematar a reunión publicarase neste mesmo apartado un resumo cos principais temas tratados.

Listaxe de admisión no Campamento de Verán 2025

Publicación das listaxes de admisión no Campamento de Verán Rianxo 2025

Publícanse as listaxes de admisión para o Campamento de Verán Rianxo 2025. Realizáronse diversos axustes e ampliacións co obxectivo de cubrir todas as solicitudes presentadas dentro do prazo, tanto para o Campamento como para o Plan Madruga.

IMPORTANTE:
Ao non acadar o número mínimo de prazas esixido para activar o servizo de transporte, este non se levará a cabo.

Nova instalación habilitada:
Dada a demanda suficiente por parte de usuarios/as, habilítase a instalación do CEIP Ana María Diéguez. Nesta instalación non estará dispoñible o Plan Madruga.

As persoas admitidas noutras instalacións que desexen solicitar o cambio ao CEIP Ana María Diéguez poderán facelo escribindo ao correo electrónico:
📧 campamento@concelloderianxo.gal

Listaxe de reservas
Aquelas solicitudes realizadas a partir do 27 de maio pasan a listaxe de reserva.  As prazas asignaranse por orde de inscrición en data e hora e comunicaranse por teléfono.

Renuncia á praza obtida
Se unha persoa resulta admitida e non vai facer uso da praza, deberá comunicalo por escrito ata o 17 de xuño, mediante solicitude no rexistro do Concello ou por correo electrónico a campamento@concelloderianxo.gal.

IMPORTANTE: A non comunicación da renuncia implicará a obriga de aboar o recibo correspondente.

Pagamento
As persoas admitidas deberán realizar o pagamento entre os días 9 e 17 de xuño, ambos incluídos.

O Concello facilitará o recibo correspondente, que poderá ser recollido de forma presencial no Centro Sociocultural Auditorio de Rianxo ou solicitado por correo electrónico ou mensaxería instantánea.

Os recibos non estarán dispoñibles ata o 9 de xuño.

 

 

Listaxe de inscricións para o Campamento de Verán 2025

Publícase a listaxe de solicitudes para o Campamento de Verán 2025, realizadas dentro do período de inscricións.

Publícase a listaxe de solicitudes recibidas dentro do prazo de inscrición para o Campamento de Verán 2025. Recomendámosche revisar que os teus datos sexan correctos.

Se non apareces na listaxe, ou se detectas erros ou omisións nos datos, contacta co Servizo de Xuventude no teléfono 664 181 401 ou no correo electrónico campamento@concelloderianxo.gal.

O xoves 29 de maio publicaranse as listaxes definitivas de admisión por instalación e, de ser o caso, a listaxe de solicitudes que deberán ir a sorteo.

Ao non acadarse o mínimo de 25 prazas para cada liña de autobús, non se realizará o servizo.

As solicitudes presentadas a partir do 27 de maio pasarán á listaxe de reserva, respectando a orde de inscrición.

Se finalmente non vas facer uso da praza adxudicada (Campamento ou Plan Madruga), pregamos que o comuniques canto antes, para facilitar a xestión e reasignación das prazas dispoñibles.

 

Bases e calendario de inscrición no Campamento de Verán Rianxo 2025

O prazo de inscrición será do 16 ao 26 de maio, ambos incluídos.

Descrición

Campamento: Servizo de apoio á conciliación da vida familiar e laboral das familias do concello, cun programa de actividades socioeducativas, deportivas e de tempo libre.

Plan Madruga: Espazo de recepción e coidado dos nenos e nenas nas horas previas á actividade Campamento.

Servizo de transporte: Servizo de transporte para facilitar o desprazamento dos nenos e nenas participantes ao Campamento de Verán (non no Plan Madruga) dende as distintas parroquias de Rianxo ata as instalacións onde se desenvolverán as actividades. Establécense dúas liñas:

  • Liña 1: Leiro – Isorna – Asados, con destino final no IES Félix Muriel.

  • Liña 2: Araño – Taragoña, con destino final no CEP Brea Segade.

Este servizo é só para o Campamento de Verán, non para o Plan Madruga.

Calendario de actividades: Poderase realizar a inscrición ou ben para o campamento completo ou elixir un dos meses:

  • Completo: do 23 de xuño ao 29 de agosto.

  • Mes Xullo: do 01 ao 31 de xullo.

  • Mes Agosto: do 01 ao 29 de agosto.

Horario:

  • Campamento: de luns a venres, de 10.30 a 13.30 h (agás festivos)
  • Plan Madruga: de luns a venres, dende as 08.00 a 10.30 h (agás festivos).

  • Transporte: o horario de recollida nas paradas comunicarase nos días previos, unha vez se establezan as paradas en función dos usuarios.

Persoas Destinatarias: Nenos e nenas nados entre o 2013 e o 2021, ambos incluídos.

Lugar: IES Félix Muriel Rianxo– CEP Brea Segade Taragoña

Recorrido de servizo de transporte

  • Liña 1: Leiro – Isorna – Asados, con destino final no IES Félix Muriel. As paradas previstas serán as paradas do transporte escolar situadas nas estradas xerais: Brión, Abuín, Rañó, Cruce de Meiquiz, Rial, Palleiro, Quintáns, O Regueiro, Bacariza, Burés, A Marquesa, O Cruceiro, Atalaia, Montegrande, A Barraca e O Pazo, e o propio IES Félix Muriel.

  • Liña 2: Araño – Taragoña, con destino final no CEP Brea Segade. As paradas previstas serán as do transporte escolar localizadas nas estradas principais: Burés (cruce), Buía, As Miráns, Carballal, Cruce de Traba, Casilla, Pedriñas, Outeiro, Chorente, Campo de Pazos, Bar Central, Soto, Xordo e o propio CEP Brea Segade.

 

Prazas:

Campamento: 195

  • IES Félix Muriel: 120

  • CEP Brea Segade: 75

Plan Madruga: 60

  • IES Félix Muriel: 30

  • CEP Brea Segade: 30

Servizo de transporte: 108 prazas

  • Liña 1 (Leiro, Isorna, Asados): 54 prazas

  • Liña 2 (Araño, Taragoña): 54 prazas

Para a realización das actividades, Campamento e Plan Madruga, deber haber un grupo mínimo de 10 participantes. O número de prazas por instalación pode variar e/ou adxudicarse a outra instalación no caso de que non se acade ese número mínimo.

Para o servizo de transporte, é necesario un mínimo de 25 participantes por liña.

Para participar no Plan Madruga e no Servizo de transporte é obrigatorio participar tamén no Campamento de Verán.

Cota de Inscrición

Campamento

  • Completo: 120 euros

  • Un mes (xullo ou agosto): 60 euros

Plan Madruga:

  • Completo: 40 euros

  • Un mes (xullo ou agosto): 20 euros

Servizo de transporte

  • Completo: 100 euros

  • Un mes (xullo ou agosto): 50 euros

    ​​​​​DESCONTOS (só no servizo de campamento)

  • 2 irmáns inscritos no servizo

    • Completo: 110 euros

    • Un mes (xullo ou agosto): 55 euros

  • 3 ou máis irmáns inscritos no servizo, familias monoparentais e familias numerosas.

    • Completo: 100 euros

    • Un mes (xullo ou agosto): 50 euros

Criterios de prioridade

  1. Nenos/as empadroados/as ou cos proxenitores/titores legais empadroados no Concello de Rianxo, con necesidades xustificadas de conciliación por parte de ambos proxenitores ou do proxenitor/a que teña a custodia, e que se inscriban no campamento completo.

  2. Nenos/as empadroados/as ou cos proxenitores/titores legais empadroados no Concello de Rianxo, con necesidades xustificadas de conciliación por parte de ambos proxenitores ou do proxenitor/a que teña a custodia, que se inscriban en un dos bloques.

  3. Nenos/as empadroados/as ou cos proxenitores/titores legais empadroados no Concello de Rianxo e que se inscriban no campamento completo.

  4. Nenos/as empadroados/as ou cos proxenitores/titores legais empadroados no Concello de Rianxo, que se inscriban nun dos bloques.

  5. Non empadroados/as en Rianxo, con proxenitores/titores legais que traballen neste termo municipal e presenten necesidade de conciliación, e que se inscriban no campamento completo.

  6. Non empadroados/as en Rianxo, con proxenitores/titores legais que traballen neste termo municipal e presenten necesidade de conciliación, que se inscriban nun dos bloques.

  7. Resto de solicitantes.

Entendese por necesidades xustificadas de conciliación que os proxenitores/titores estean en condición acreditada de ocupación laboral, dependencia, atención a persoas dependentes ou participantes no sistema de educación ou formación regrada oficial.

No momento da inscrición marcarase a preferencia de localización e, para os efectos do sorteo, farase valer esa preferencia.

Documentación para a inscrición

  • Ficha de inscrición
  • Volante de empadroamento (ou autorización para a súa comprobación)
  • Xustificación das necesidades de conciliación:
    • por traballo dos proxenitores: certificado de empregado público, informe de vida laboral actual, alta na Seguridade Social ou certificado laboral de empresa.

    • no caso de divorcio ou separación, copia da custodia.

    • participantes no sistema de educación ou formación regrada oficial: copia de matrícula, certificado de estudos en vigor ou xustificante de participación emitido polo organismo.

    • por atención de persoas dependentes ou dependencia proxenitores: certificado de dependencia.

  • Certificado de familia monoparental
  • Título de familia numerosa

Calendario inscrición

  • Presentación de solicitudes: do venres 16 ao luns 26 de maio

  • Publicación listaxes solicitantes: martes 27 de maio

  • Presentación de reclamacións: martes 27 e mércores 28 de maio

  • Listaxes definitivas: xoves 29 de maio

  • Sorteo, no caso de ser necesario: venres 30 de maio

  • Matrícula e abono da cota: do luns 09 ao martes 17 de xuño

  • Publicación das listaxes de participantes e grupos: xoves 19 de xuño

  • Reunión de presentación: venres 20 de xuño

  • Inicio campamento: luns 23 de xuño

Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse do venres 16 ao luns 26 de maio (ambos incluídos), no rexistro do Concello de Rianxo, segundo o modelo Solicitude de inscrición no Campamento de Verán, e, preferentemente, de forma telemática (Sede electrónica - Procedementos e trámites - Servizos sociais - Solicitude de inscrición en actividades de conciliación).

Enlace a sede electrónica e ficha de inscrición:

Todas as solicitudes presentadas a partir do 26 de maio non participarán no sorteo, no caso de habelo, e irán, en orde de inscrición por data e hora, ao final da listaxe de reserva xerada por este.

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

Publicación listaxes de solicitantes e presentación de reclamacións/emenda de documentación

O día 27 de maio publicaranse na web do Concello a listaxe das persoas que solicitan praza no Campamento de Verán Rianxo 2025. Para estes efectos, a presentación da solicitude implica a autorización para a publicación do nome e apelidos do solicitante.

A emenda de documentación requirida ou as reclamacións a esta listaxe poderán presentaranse os días 27 e 28 de maio no Rexistro do Concello de Rianxo, preferentemente de forma telemática.

Adxudicación de prazas

A praza é persoal e intransferible.

A adxudicación pode ser:

  1. Por adxudicación directa, se ao remate do prazo de inscrición (26 maio) a demanda non supera o número de prazas dispoñibles:

  • Primeiro adxudícanse as prazas aos solicitantes en prazo.

  • No caso de non cubrirse, as prazas restantes, ata completar as 195 dispoñibles, cubriranse coas solicitudes feitas a partir do 26 de maio, por orde de inscrición en data e hora.

  • Unha vez cubertas as prazas totais pasarán a formar parte dunha listaxe de reserva.

    Por sorteo, empregando medios informáticos, no suposto de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles. O sorteo realizarase seguindo os criterios de prioridade e a preferencia de instalación. O sorteo xerará tamén a listaxe de reserva.

As solicitudes dos irmáns poderán vincularse para participar no sorteo de xeito conxunto, cun único número. De non facelo, cada irmán participaría participará de forma independente co seu propio número.

O día 29 de maio publicaranse na web do Concello de Rianxo as listaxes das persoas admitidas e as de agarda.

Pagamento

As persoas participantes seleccionadas deberán realizar o pagamento entre os días 09 ao 17 de xuño, ambos incluídos.

Para realizar o pagamento, o Concello facilitaralles un recibo, o cal poderán recollelo presencialmente no Centro Sociocultural Auditorio de Rianxo, ou solicitar o seu envío por correo electrónico ou mensaxería instantánea.

En caso de non realizar o pagamento:

  • Se existe lista de reserva, perderase automaticamente a praza, que será cuberta coa seguinte persoa na reserva.

  • Se hai praza dispoñible, poderase efectuar o pagamento do recibo coa actualización do recargo correspondente.

Documentación (só no caso de ser necesaria)

A seguinte documentación deberá presentarse unicamente cando sexa requirida, mediante presentación no rexistro do Concello:

Renuncia a praza obtida

No caso de que se obteña praza e finalmente non se vaia facer uso dela, deberá comunicalo por escrito, ben mediante rexistro do concello ou correo electrónico a campamento@concelloderianxo.gal, ata o 17 de xuño.

No caso de que non comunique a renuncia a praza, deberá realizar o aboamento do recibo.

Adxudicación de prazas ás listaxes de reserva

As vacantes que se produzan por non presentar a documentación, por presentala fóra do prazo establecido ou por renunciar á praza obtida no sorteo, seranlles ofertadas, seguindo a orde da listaxe de reserva, ás persoas suplentes, do mesmo grupo de idade que a praza vacante. Esta adxudicación comunicarase mediante unha chamada telefónica. Para os efectos de determinar o grupo, utilizaranse os publicados o día 19 de xuño.

Chamarase á persoa interesada un mínimo de tres veces durante o prazo que vai desde o día que se produce a vacante ata as 14:00 h do día seguinte. De non contactar coa persoa interesada, esta pasará ao final da listaxe e chamarase á seguinte.

Unha vez recibida a comunicación e aceptada a praza, deberán presentar a documentación no prazo de 48 horas. No caso de non presentar a documentación nese prazo, a praza ofreceráselle á seguinte persoa da listaxe de espera.

A xestión da listaxe de reserva farase exclusivamente desde a Oficina de Xuventude.

Formación de grupos

Os grupos formaranse segundo data de nacemento. Só excepcionalmente, e de forma xustificada e documentada, valorarase a posibilidade de facer o cambio de grupo.

Devolución da cota

Unha vez obtida a praza e aboado o prezo correspondente, se a persoa interesada non puidera asistir á actividade, deberá solicitalo mediante rexistro antes de que remate o período de inscrición (17 de xuño).
As solicitudes de devolución da cota presentadas fóra do prazo establecido serán denegadas, independentemente da causa xustificativa alegada.

Comunicación coas familias

Todas as comunicacións do proceso de inscrición realizaranse a través da páxina web: https://concelloderianxo.gal/campamento2025.

Non se realizaran avisos individuais, nin por correo electrónico nin por teléfono.

Unha vez comece o campamento, as comunicacións precisas realizaranse:

  • na páxina web https://concelloderianxo.gal/campamento2025

  • nos grupos de difusión de whatsapp e grupos de difusión de telegram. A comezos do campamento publicaranse na páxina web os enlaces para unirse aos grupos.

Asemade, habilitarase un teléfono ao que as familias poden dirixirse para deixar avisos, que se fará público no comezo do campamento.

Queixas e suxestións

As persoas participantes poderán presentar por escrito todas as suxestións ou reclamacións que consideren oportunas durante o desenvolvemento do Campamento de Verán Rianxo 2025 ou no momento do seu remate.

Igualmente, poderán deixar constancia do grao de satisfacción obtido coa actividade desenvolvida e todos os comentarios ou suxestións que queiran facer ao respecto, para o que deberán cubrir o formulario de enquisa que se lles facilitará ao rematar ao campamento.

Imaxes

A participación nesta actividade poderá comportar a captación de imaxes, fotografías, vídeos, vídeos con voz, material gráfico, etc. (en diante, “imaxes”) da persoa participante na actividade, e a súa publicación a través dos medios de difusión corporativos das iniciativas e actividades do Concello de Rianxo, tales como páxinas web, redes sociais, álbums, informes/documentos derivados da actividade e noutros medios de comunicación social. Debe autorizar ou rexeitar a devandita captación e publicación de imaxes, que se entenderá feita a título gratuíto e sen límite temporal, no formulario de inscrición.

Protección de datos

Os datos persoais pasarán a formar parte dun ficheiro electrónico propiedade do Concello de Rianxo coa única finalidade de proceder á inscrición na actividade para a que se proporcionan os datos.

Serán unicamente cedidos á empresa adxudicataria os datos identificativos e de contacto dos participantes, así como aqueles datos de saúde ou observacións necesarios para o bo desenvolvemento da actividade.

Pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, portabilidade e supresión dos seus datos e os de limitación e oposición ao seu tratamento dirixíndose ao Concello de Rianxo, Praza Castelao, 1, 15920 Rianxo, correo electrónico dpd@concelloderianxo.gal, ou mediante o procedemento habilitado para o efecto da Sede Electrónica: sede.concelloderianxo.gal. Se considera que o tratamento non se axusta á normativa vixente, poderá presentar unha reclamación perante a autoridade de control en www.aepd.es. Datos de contacto do delegado de protección de datos: Ramón Santos Pérez, dpd@concelloderianxo.gal